Esta é a taxa máis alta dende 1997, ano no que o INE comezou a elaborar estas estatísticas.
Os prexos dos alimentos subiron moito nun só ano, sobre todo o dos cereais e o leite / Flickr: marquiroga
O Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH), situou a súa taxa anual no 5,3 por cento no mes de xullo, dúas décimas por riba da taxa de xuño, segundo o indicador adiantado que ofreceu esta quinta feira o Instituto Nacional de Estadística (INE).
Esta taxa do 5,3 por cento é a máis alta que se rexistra dende xaneiro de 1997, cando o INE comezou a elaborar esta serie.
Xa en xuño se tiña traspasado a barreira do 5 por cento, e co ascenso de xullo, son catro os meses consecutivos nos que o IPCH rexistrou subas. Hai xusto un ano, o IPC harmonizado estaba no 2,3 por cento, tres puntos por baixo da súa taxa anual.
A inflación chegaría ao seu punto máis alto en case 16 anos
A pesar de ser un indicador orientativo, o IPCH non adoita variar da taxa do IPC xeral que, impulsada polo prezo do petróleo e dalgúns alimentos, chegou en xuño ao seu nivel máis elevado en 13 anos.
Os datos definitivos do IPC para este mes que xa termina faranse públicos o vindeiro 13 de agosto. Se naquela altura as cifras do IPCH e o IPC se corresponden, a inflación marcaría o seu peor dato en case 16 anos, pois non se acadaba a taxa do 5,3 por cento dende decembro de 1992.
Os causantes
Os causantes desta suba da inflación son, sobre todo, a suba dos prezos do petróleo e dos alimentos.
O salto que deu cara adiante a inflación produciuse en outubro do ano pasado, cando o IPC pasou anual pasou do 2,3% ao 3,6%. A partir de aí, a inflación plantouse en taxas do 4 por cento e superiores, moi lonxe xa do obxectivo do 2% fixado polo goberno español. Isto foi debido, sobre todo, ao aumento do prezo do cru, que chegou a ser un 90% superior do de hai un ano.
Tamén subiu o prezo da cesta da compra. Atendendo aos datos do IPC de xuño, a leite é case un 24 por cento máis cara que hai un ano, os ovos subiron un 13,4 por cento, o pan encareceuse perto dun 11% e os cereais e os seus derivados custan un 10,5 por cento máis que custaban en 2007.