Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rede natura 2000

Medio Ambiente sitúa en Ourense o centro de interpretación de espazos naturais

A provincia conta coa metade dos parques naturais de Galiza.

Redacción - 09:30 31/07/2008
Corzo no Parque Natural ourensán do Invernadeiro

Corzo no Parque Natural ourensán do Invernadeiro

Un novo centro de interpretación dedicado ao coñecemento dos espazos naturais protexidos ha ser construído en Ourense. A súa finalidade é impulsar as actuacións de concienciación social sobre a conservación e mellora da diversidade biolóxica nos espazos naturais.

O Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou este mércores que Ourense se converte no "epicentro do patrimonio natural" de Galiza coa construción do novo Centro de Interpretación dos Espazos Naturais protexidos e a Rede Natura 2000. Tamén sinalou que con esta aposta se fai "xustiza cunha provincia que achega tres dos seis parques naturais que ten Galiza".

O centro de interpretación será financiado pola Xunta e o goberno español, cun custe total de oito millóns e medio de euros, dos que o Ministerio de Medio Ambiente inxectará sete e a Consellaría de Medio Ambiente 1,5.

Galiza conta na actualidade cun Parque Nacional e con seis Parques Naturais no seu territorio, dos que a metade se localizan na provincia de Ourense. Así mesmo, dispón de 59 Lugares de Interese Comunitario (LIC) e 14 Zonas de Especial protección para as Aves (ZEPA), que contabilizan máis de 383.000 hectáreas incluídas na Rede Natura 2000, case un 12% da superficie de Galiza.

Será o propio Concello de Ourense quen achegue os terreos na zona de Quintela de Canedo. Actualmente estanse a tramitar as expropiacións da parcela de 26.000 metros cadrados onde se construirá o Centro. O rexedor de Ourense, Francisco Rodríguez, manifestou que "en setembro estará todo listo para ceder os terreos". As obras licitaranse no último semestre deste ano, e comezarán a principios de 2009.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: