Os investigadores advirten de que existe na sociedade galega unha visión "instrumental" do emigrante que en tempos de crise pode trocar nunha consideración discriminatoria e mesmo derivar na xenofobia.
“Inmigración estranxeira e territorio en Galicia” e “A inmigración estranxeira en Galicia” son dous estudos que afondan na realidade social dos máis de noventa mil emigrados actualmente empadroados na nosa comunidade. Estes traballos veñen de ser presentados na mañá do martes na facultade de Xeografía e Historia da USC polos seus autores, Xesús González Pérez e Xosé Antonio Aldrey Vázquez respectivamente.
Mentres que o primeiro da conta da situación actual dos emigrados dende un punto de vista estatístico e constitúe unha valiosa diagnose do movemento migratorio en Galiza, o traballo de Aldrey complementa a visión anterior reflectindo o punto de vista da poboación emigrada.
Falsos mitos
Os estudos, que poden ser consultados na web Galicia Aberta, falan do que os investigadores advirten que chegan a converterse en prexuízos como o da xeración de violencia, a usurpación de postos de traballo ou a prostitución "que se están a reproducir a carón nosa". Ao fío, o secretario xeral afirmou que desde a Xunta "animamos a súa lectura para non repetir os mitos desfavorábeis que circulan arredor do movemento migratorio e que son absolutamente falsos”.
Ao respecto, o director do departamento de xeografía e historia da USC, Francisco Ramón Durán Villa comenta as similitudes entre a situación actual dos inmigrantes no noso país e a que viviu a poboación galega nas décadas dos sesenta e setenta cando marchaban emigrados e animou á sociedade galega a “cotexar o que nos ten pasado fóra e o que lle acontece agora aos emigrados”.
“A integración é un labor de toda a sociedade”
Posto que a poboación emigrante vai collendo peso na sociedade galega, o secretario de emigración xustificaba así a “necesidade de elaborar políticas sociais de integración en tódolos eidos para estas máis de noventa mil persoas que viven entre nós”.
Como perciben a integración na sociedade galega os emigrados: a valoración xeral tirada do estudo de Aldrey é moderadamente positiva: mentres o 60% dos enquisados afirma ter recibido un trato bo ou moi bo por parte da sociedade galega, o 15% afirma ter sido tratado mal ou moi mal. Os aproximadamente 25 de cada cen restantes manifestan unha actitude intermedia (nin ben nin mal). A este respecto chanceaba Aldrey cando comentaba “han ser os máis integrados, xa teñen actitude de galego”.
Derivar en xenofobia
Do estudo “Inmigración estranxeira e territorio en Galicia” destaca un dos seus autores, Xesús González -profesor titular de xeografía da USC, as consecuencias económicas do movemento migratorio, afirmando que “existe unha visión instrumental do emigrante, xa que ocupa postos que ninguén quere, paga impostos á nosa seguridade social, etc. Mais hai que ter conta coa visión xeral e simplista que se ten do inmigrante na actualidade, porque “en tempos de crise como o que estamos a vivir, pode trocar nunha consideración de corte discriminatorio e mesmo derivar en lecturas xenófobas”.
Tamén salienta os aspectos sociais da poboación inmigrante de Galiza, afirmando que “malia que está comprobado que en Galiza existe un acceso adecuado aos servizos sociais públicos por parte da poboación estranxeira, non hai que deixar de ter en conta a situación de debilidade en que se atopa o colectivo de inmigrantes en situación irregular”. Tamén lembra que hai que valorar a falta de información ao seu dispor, que deriva nun acceso deficitario aos servizos públicos para todos eles.
Políticas de integración da Xunta
Estas dúas publicacións constitúen, segundo o secretario xeral de emigración, Manuel Luís Rodríguez “uns dos alicerces e pezas mestras sobre os que se construíu o Plan Galego de Cidadanía, Convivencia e Integración 2008-2011, que é o marco onde se pretende incardinar as políticas e accións en materia de inmigración na nosa comunidade, tanto desde un punto de vista político como social”
As dúas investigacións anteriores e máis unha terceira realizada por encarga da Secretaría de Emigración para sondar tamén a opinión da poboación galega encol do movemento migratorio “foron centos de folios sisudamente estudados para conformar o novo plan de integración”, afirma o secretario.