O mercado moveu 2.568 propiedades no mes de maio, un descenso en Galiza do 7,2%, mentres que no conxunto do Estado a caída foi de até o 34,3%.
No mes de maio, e respecto ao mesmo período do ano anterior, en Galiza compráronse e vendéronse un total de 2.291 vivendas libres e 277 protexidas. En total, un 7,2% menos ca no mesmo mes en 2007, segundo as últimas cifras peneiradas polo INE. Ademais, a compravenda de vivenda nova quedou en 1.532, mentres que 1.036 propiedades foron vivenda usada.
Sumando ademais o número de terreos transmitidos, o total de predios en Galiza chega a 11.032. Polo miúdo, a suma sae de 2.827 predios rústicos, 4.272 vivendas urbanas, 538 vivendas e 3.395 propiedades urbanas doutro tipo. Deses catro milleiros de vivendas, ademais das 2.568 froito de compravenda no mercado, doazóns, permutas ou herdanzas completan a cifra total.
Se facemos a comparativa segundo a poboación, en Galiza compráronse e vendéronse 111 vivendas por cada cen mil habitantes. Así, a nivel estatal a compravenda de vivenda só foi menor en canto ao número de veciños en Cataluña (95), Madrid(104) e Euskadi(101). No outro extremo aparecen Murcia (200 vivendas por cada 100 mil habitantes) e Cantabria (239).
Por outra parte, tamén con datos de Galiza, o número de vivendas hipotecadas experimentou un descenso do 17,5% respecto ao mesmo mes de 2007. Son 3.367 inmobles hipotecados, cun importe medio das hipotecas sobre vivendas de 113.178 euros, o que supón un descenso interanual do 12,1%. No total de predios, a cantidade media por hipoteca chegou a 146.513, un descenso interanual do 14,98%, un dos maiores do Estado, só por baixo de Murcia (23,5%).