Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Día de Galiza

Touriño di que Galiza é quen mellor interpreta no Estado o "binomio de unión e diversidade"

O secretario xeral do PSdeG expresou a súa convicción de que o país combina con éxito o "orgullo" polo autogoberno sen mirar "a España de lonxe".

Redacción - 09:00 26/07/2008

Emilio Pérez Touriño afirmou que Galiza debe apostar por mellorar o seu autogoberno, ao tempo que combina o "amor a España" co "compromiso pleno coa comunidade". O secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta falou así durante o acto de celebración do Día de Galicia que o seu partido celebrou en Rianxo.

Na súa intervención durante a ofrenda floral no monumento a Castelao, o líder dos socialistas convidou a militantes e simpatizantes a traballar en favor do autogoberno sen mirar o Estado español "de lonxe" senón para ser "cada día leais, comprometidos e compartindo esa España da solidariedade". Foi así como defendeu "a diversidade que recolle a Constitución" no contexto das garantías de "equidade, xustiza e igualdade para todos os cidadáns".

Solidariedade no canto de "caridade"
"Galiza non necesita da caridade", afirmou Pérez Touriño, censurando a quen "confunde ao formular relacións neses termos". O secretario xeral do PsdeG expresouse así ao referirse á reforma do modelo de financiamento autonómico, e salientou que na súa opinión, Galiza "sente a España da cohesión e a solidariedade". Ao fío, dixo estar seguro de que chegará o consenso, arela na que afirmou que o PSOE e os gobernos español e galego "serán garantía para ese acordo". Nese contexto, subliñou o seu compromiso de que "Galiza teña finalmente máis e mellor financiamento".

Afondaría aínda máis no escenario económico á hora de tocar o tema da crise, asunto sobre o que dixo confiar na situación da economía en Galiza. "Para sementar desconfianza xa chega a dereita", dixo, "deixémoslles coa economía do ladrillo que tanto lles gusta e co recorte de gasto social". Segundo Touriño, as políticas socialistas centraranse en "ofrecer máis protección e compromiso para os que máis o necesitan en época de dificultades". "Nos momentos de dificultades hai que arremangarse, coller pico e pa e poñerse a traballar", engadiu.

"Período fértil"
Por outro lado, o presidente da Xunta estivo tamén este venres nos micrófonos da Cadena Ser, onde afondou máis sobre o contexto económico no país. Preguntado ao respecto, destacou que Galiza "vive un un período fértil, útil aos cidadáns, de estabilidade e de confianza, que mostra unha Galiza que está avanzando e que está progresando".

De paso, Touriño aproveitou para facer balance da traxectorio do Goberno que preside, afirmando que na altura deste Día de Galiza, "hai motivos para a celebración". Segundo a súa reflexión, Galiza "vive un período fértil, útil aos cidadáns, de estabilidade e de confianza". Un escenario que, di o líder do PSdeG, sería mostra "dunha Galiza que está avanzando e que está progresando". Ao respecto, Touriño citou as que na súa opinión son as claves do cambio "que leva agora tres anos", e que resumiu na existencia dunha "forma diferente de facer política", na mudanza cara a un clima de diálogo social e na "esperanza e a capacidade da propia sociedade civil".

De paso, tirou dos datos da Enquisa de Poboación Activa feitos públicos este xoves para destacar que en Galiza creouse a metade do emprego xurdido en todo o Estado durante o último trimestre, "10.800 novas ocupacións", datos que defendeu como exemplo da existencia "dun país que está medrando". "Iso quere dicir que hai un plus, hai unha capacidade de reacción importante dos nosos servizos e da nosa industria", afirmou Pérez Touriño.

Con todo, o líder dos socialistas galegos chamou a "estar antes" diante do escenario de "dificultade global". Malia iso, insistiu en que o Goberno adoptou "medidas importantes na procura de financiamento para as empresas e xerando un acordo social pola competitividade con empresarios e sindicatos". "Sabemos que estamos medrando significativamente por enriba da media española, que temos o volume de ocupados e activos maior da nosa historia, pero sen dúbida estamos a sufrir xa o embate das circunstancias económicas tan adversas que tocan", xustificou ao respecto.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: