Logo de que antes de final de ano se conclúa a tramitación intermedia, a nova fase podería iniciarse no primeiro trimestre de 2009.
"Cos medios cos que contan é milagroso que o leven como até o de agora", explicou o presidente en funcións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Antonio González Nieto. Na súa opinión a fase de xuízo oral do expediente relacionado co naufraxio do Prestige podería iniciarse no primeiro trimestre de 2009.
Segundo González Nieto, unha vez se teñan os informes periciais e se conclúan outros procedementos pendentes dun sumario que cualificou de "complexísimo" e que afecta a "unha gran pluralidade de partes" podería pasarse ao chanzo seguinte. Nese sentido, o presidente do TSXG valorou positivamente o traballo no xulgado de Corcubión, encargado do caso, con só catro persoas. Con todo, informou de que se lle solicitara ao Consello do Poder Xudicial un xuíz substituto que poida ocuparse do resto de causas pendentes nese xulgado para que o titular poida adicarse exclusivamente ao caso Prestige.