Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONCENTRACIÓN EN COMPOSTELA

As peixeiras rebélanse contra a venda a particulares en lonxa

As vendedoras de peixe fresco nas prazas de abastos denuncian a baixada dun 25% nos seus ingresos.

Isabel G. Couso - 09:30 22/07/2008

Ao grito de 'A venta do pescado, faise no mercado' ou 'Carmiña, escoita, a praza está en loita', un cento de peixeiras manifestáronse en Santiago para pedirlle á Consellería de Pesca que impida a venda de peixe en lonxa a consumidores particulares. Aseguran que esta práctica que se está a estender nos concellos costeiros, repercute moi negativamente nas súas ganancias. Recordan que elas están a pagar os seus impostos, licenzas e taxas e que son as profesionais habilitadas para realizar esta compra. Ao permitirlle aos consumidores, moitos deles turistas, mercar nesta primeira venda, favorécense duns prezos que deberían estar limitados a aqueles que compran grandes cantidades e, ao tempo, deixa as prazas de abastos máis baldeiras.

As peixeiras, convocadas por Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), denuncian que esta compra directa por parte dos consumidores supón unha práctica abusiva e desleal que está a poñer en grave perigo os seus postos de traballo. Tamén, subliñan que non existe suficiente control por parte da Administración sobre estas operacións comerciais e infrínxese a normativa vixente en materia sanitaria, taxas e prezos públicos, ademais de favorecer a competencia desleal.

A lexislación estipula que se pode vender a particulares ata tres kilogramos de marisco e peixe en lonxa. Esta cantidade é considerada excesiva polo colectivo de peixeiras, quen ademais alerta de que, nalgúns mercados, non se respecta esta cota. O decreto que regula esta práctica foi aprobado en 1993 e modificado en 2004, sen embargo, en ningún momento se mudou este apartado, malia as esixencias do sector.

Outras demandas das "regateiras"
Dende as comarcas do Morrazo, de Arousa ou de concellos como Ribeira, A Coruña ou Fisterra, estas mulleres acudiron a Compostela para facer oír a súa voz ante a Conselleira de Pesca. Protestan pola cuestión da venda en lonxa, pero esta non foi máis que a pinga que colmou o vaso. Aseguran que o seu traballo, arraigado na tradición, está a piques de esmorecer se non se toman medidas urxentes. Entre elas piden que se estableza un rexistro de comercializadores, de xeito que as chamadas 'regateiras' poidan estar identificadas, e que se habilite un carné profesional, para controlar o acceso ás instalacións portuarias, como é o caso da lonxa.

Asemade, reclaman a modernización das instalacións por parte dos concellos e lamentan o estado no que se atopan moitas prazas de abastos. As peixeiras fan balance e subliñan que as súas ventas baixaron un 25% entre xullo de 2006 e de 2007, e leva camiño de sufrir a mesma baixada neste ano. Malia que son conscientes de que son moitos os factores que levan a este descenso, lamentan o pouco apoio que reciben tanto da Consellería de Pesca como doutras administracións.

As manifestantes non foron recibidas por ningún cargo da Consellería (Carmen Gallego está en Roma asinando un acordo coa FAO para intensificar a cooperación), pero prometeron regresar. En setembro volverán a Santiago nunha nova manifestación ante as dependencias de Pesca.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: