Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Jordi Casamitjana, biólogo

"Non hai en Galiza un só concello antitaurino, malia a tradición polo respecto aos animais"

"Alí onde todas as imposicións imperialistas foron suprimidas, como a Arxentina ou Cuba, as touradas están prohibidas", analizan desde os colectivos antitaurinos.

Clara Figueroa - 09:30 22/07/2008

Presentouse a mañá do luns 21 a primeira das actividades da campaña Galicia, mellor sen touradas, unha iniciativa da asociación animalista Libera!, a plataforma Stop Our Shame e o Comité Anti Stierenvechten (CAS).
O I Seminario galego pola Abolición da Tauromaquia deu comezo na tarde desteluns 21 no Clube Internacional de Prensa, en Compostela, e pretende conseguir que os concellos de Galiza se declaren oficialmente Antitaurinos e Amigos dos Animais, como xa ten pasado en 46 concellos de Cataluña, un de Madrid e dous en Latinoamérica.

As asociacións que organizan estas actividades son tres, pero hai moitas maís que a apoian. Libera! é un colectivo con base en Barcelona que pretende mudar "a consideración que temos dos animais como recursos e obxectos", o que inclúe a defensa dos seus dereitos no marco lexislativo, político, social e moral. CAS son as iniciais do termo holandés Comité Anti Stierenvechten (comité antitaurino), unha organización internacional de protección animal con sé en Utrecht e delegacións en Bélxica e Gran Bretaña, que dende 1990 é a única dos Países Baixos centrada exclusivamente na loita contra as touradas e festexos con animais. Stop Our Shame (SOS) é unha asociación española creada hai un ano coa intención de informarlles aos eurodeputados das millonarias subvencións que recibe o mundo taurino, mentres áreas máis prioritarias sofren déficits de investimento.

Galiza non gosta das touradas
Rubén Pérez Sueiras, delegado en Galiza da Asociación Libera! informa das estatísticas referidas ao ano 2007 do Instituto Gallup, que confirman que somentes 14 de cada cen galegos se declaran afeccionados á tauromaquia, mentres que aínda quedan en Galiza cidades que festexan touradas (A Coruña e Pontevedra), á parte doutros festexos menores noutros concellos.

En Galiza, a pesares de que o 86% dos galegos non está interesado na tauromaquia, aínda non hai ningunha cidade ou concello declarados antitaurinos. A sociedade galega é "marcadamente contraria ao maltrato aos touros", de aí que SOS, CAS e Libera! emprenderan a campaña Galicia, mellor sen touradas, posto que dos corenta e seis concellos que en todo o Estado rexeitan oficialmente as touradas, ningún deles é galego. A única comunidade autónoma onde as touradas fican prohibidas son as Illas Canarias, e o último concello en engadirse á lista foi recentemente Basauri, en Euskadi.

"Galiza non gosta das touradas porque é un país diferente que España", Jordi Casamitjana explica por que a tradición taurina é española e non galega. Na súa opinión, Galiza non gosta das touradas do mesmo xeito que Suecia: porque son países diferentes, con máis tradición polo respecto aos animais. A pregunta que debiamos de nos facer é por que aínda se fan touradas? "Polo mesmo que aínda se fan en Colombia ou Venezuela", responde. Conta Casamitjana que en moitos países latinoamericanos que foran conquistados polo imperio español aínda persisten as tradicións que foran impostas. Máis tamén os hai onde non se practica esta tradición española. Alí onde todas as imposicións imperialistas foron suprimidas, como a Arxentina ou Cuba, as touradas están prohibidas.

Turismo ético no século vinteún

Este concepto nace no século XXI e consiste en escoller os destinos turísticos con criterios éticos: non viaxar a cidades ou países con lexislacións vixentes que permitan a pena de morte, o traballo infantil, as feiras taurinas... Dende CAS recomendan aos turistas do Reino Unido e de Holanda que viaxan a Galiza, que non visiten A Coruña e Pontevedra, cidades onde aínda se festexa alomenos unha vez ao ano unha feira taurina.

Europa e o mundo "fican agardando unha reacción" das cidades do Estado español onde hai respecto aos animais, posto que saben que cos impostos que pagan todos os europeos terminan dun ou doutro xeito financiando unha festa nacional cruel e sanguenta.

Os países europeos máis respectuosos cos dereitos dos animais tamén saben que non só apoian a festa cos impostos, senón tamén co turismo. Dende as asociacións animalistas internacionais, avisan aos seus cidadáns de que cada céntimo que gastan nun país que apoia a festa dos touros remata por converterse en impostos cós que dun ou doutro xeito financian as matanzas de animais.

Cada vez máis internacional

O movemento a prol dos animais estase facendo cada vez máis internacional porque o animal non ten pasaporte, sofre a mesma dor e morre padecendo sexa na praza que sexa. A industria taurina tamén é internacional. Jordi Casamitjana, biólogo e coordinador das actividades do CAS, afirma que dende hai tres ou catro anos estase a producir no mundo da loita contra o maltrato dos animais unha trasformación cualitativa. Cada vez hai máis xente non interesada ou manifestamente en contra da tauromaquia. Segundo dados dun informe do Instituto Gallup referido a 2006, no Estado Español o 72% da poboación se amosa non interesada na tauromaquia.

“O primeiro paso para a erradicación das touradas é amosarse non interesado, o segundo é a oposición directa”. Cada vez hai máis xente e institucións que se declaran antitaurinas, políticos que xa non temen as represalias de rexeitar publicamente a festa e máis concellos declarados oficialmente antitaurinos.

Jordi Casamitjana continúa explicando que a idade media do taurino -a persoa que se manifesta a prol das touradas- alóngase, medrando até os 50 anos, o que amosa un efecto social claro na conciencia da poboación. As xeracións que están por vir rexeitan o maltrato aos animais. A caste política ha ter en conta o estudo do grupo Gallup, que amosa a realidade social dun país que non está dacordo cunha festa nacional que non sinte de seu.

O turismo converteuse, cara a fin do século vinte, no sector máis importante da economía do Estado español. Os políticos, mirando como medra a idade media de afeccionados aos touros, como cada vez o movemento antitaurino se fai máis internacional, e como afecta ao motor da economía do sector servizos, han darse de conta de que o turismo mellorará se conseguise que a imaxe que se fai o mundo non fora inevitabelmente relacionada coas matanza do touro.

"Se aos holandeses lles importan as matanzas de Galiza, cumpría que o asunto interesase tamén aos galegos". Casamitjana explica que en Galiza, un país con máis tradición polo respecto aos animais, non hai un só concello que se declare oficialmente antitaurina. E mentres, Europa fica agardando que se mova e rexeite publicamente as touradas de Pontevedra e d'A Coruña.

Os cartos cos que pagamos as touradas

A asociación SOS investiga a cantidade de cartos que o estado español recibe en forma de subvencións da Unión Europea, do goberno central, das autonomías e das Comunidades Autónomas. Alejandra García, vicepresidenta da plataforma explica que segundo informa o Instituto Gallup, o 72% da poboación do Estado Español non amosa ningún interese na tauromaquia, polo que resulta obrigado que coñezan que parte do seu diñeiro contribúe a financiala. As touradas fican financiadas polo goberno debido a excepcionalidade "histórica da festa nacional", e SOS comprobou que cada familia española contribúe cada ano á tauromaquia con 42 euros dos seus impostos.

Mentres o sistema xudicial español aínda non está informatizado, SOS puido comprobar que só no ano 2006 a industria da tauromaquia recibiu máis de 450 millóns de euros en subvencións, diñeiro que non se ten investido en educación, sanidade pública, vivenda... SOS pide que a representatividade democrática sexa un feito e, xa que logo, deixe de se empregar os cartos de todos en financiar un festexo cruel que non interesa a ninguén. E nas declaracións da renda non existe unha casiña para indicar que non queremos que cos nosos cartos se paguen touradas.

Actividades da campaña Galicia, mellor sen touradas
As actividades da campaña comezaron na tarde do luns 21 co I Seminario galego pola Abolición da Tauromaquia, e continuarán coa proxección do documental Animal, de Ángel Mora, na Casa das Atochas da Coruña. Animal é unha road movie que percorre os festexos máis sanguentos e sen sentido do estado español onde os únicos reclamos son o sufrimento e a morte do touro bravo.

Os días 7, 8 e 9 de agosto tamén haberá unhas xornadas en Pontevedra a unha manifestación organizada polos Antitaurinos de Pontevedra.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: