Amplo apoio, até 23 asociacións representativas da inmigración asinan, para unha iniciativa que promociona o uso do catalán como instrumento de integración.
Nestes tempos de manifestos e de declaracións a prol dunha ou doutra lingua, en Cataluña véñense de pronunciar os inmigrantes. 23 asociacións de ecuatorianos, guineanos, senegaleses ou marroquís entre outros defenden a 'construción dunha sociedade xusta e cohesionada baseada na diversidade lingüística'. Ofrecen as súas linguas para enriquecer, e mesmo piden aos castelánparlantes que se dirixan a eles en catalán.
Este manifesto, que se articula en dez artigos, reivindica o dereito dos inmigrantes a servirse do catalán como elemento de integración. Así, falan da importancia de utilizar a lingua propia do país de chegada, como xeito de recoñecemento mutuo e de non exclusión.
Manifesto e vídeo
Este articulado é o resultado de catro anos de traballo entre os colectivos que o veñen de asinar. Pero ademais, no marco da mesma iniciativa presentouse un vídeo da campaña, que é unha reportaxe dos actos celebrados na festa de Sant Jordi do 2008 en Barcelona por parte dos colectivos de inmigrantes e outras organizacións de apoio.
O manifesto vén de ser presentado de xeito oficial nun acto que contou coa presenza e compromiso de políticos e representantes do mundo social catalán. Entre eles, estiveron o presidente do Parlament, Ernest Benach, o ex presidente da Generalitat, Jordi Pujol, o presidente de ERC, Joan Puigcercós, ou o dirixente de CIU, Francesc Homs.
As organizacións asinantes son as que seguen: Asociación de Mulleres Ecuato-guineanas E'Waiso Ipola, Asociación de Profesionais Bolivianos en Barcelona (APBB), Associació Catalana de Residents Senegalesos, Associació d'Amics del Poble Marroquí (ITRAN), Associació d'Estudiants i Investigadors Xinesos de Catalunya, Associació de Dones Amazigues Tamettut, Associació de Tallers Afrocatalans (ATAC), Associació de Treballadors Pakistanesos, Associació de Treballadors Immigrants i Marroquins de Catalunya (ATIMCA), Centre Cultural Islàmic Camí de la Pau, Centro Boliviano-Catalán, Comunitat Palestina de Catalunya, Cornellà Sense Fronteres (membre del grup Agraw Amazic N Katalunya), El Mirador dels Immigrants, Els Altres Andalusos, Espazo Galego dos Països Catalans, Federació d'Associacions Americanes de Catalunya (FASAMCAT), Federació d'Entitats Bolivianes a Catalunya (Fedebol), Federación de Entidades Ecuatorianas en Catalunya (FEECAT), Llactacarú (Asociación de Inmigrantes Ecuatorianos en Catalunya para la Solidaridad y la Cooperación), Plataforma per la Llengua, Rede.cat y Veu Pròpia.