Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia a promesa de desvencellar as balanzas

A proposta inicial de Solbes para o financiamento, "ambigua" e sen concreción

Gobernos autonómicos de cores ideolóxicas diversas coincidirán proximamente en Asturias unindo voz en favor dun modelo de financiamento que esqueza o calote das balanzas fiscais.

Redacción - 09:00 18/07/2008

A cesión de arredor do 50% do IRPF, IVE e Impostos Especiais, é unha das mencións destacadas na proposta presentada este xoves polo vicepresidente segundo do goberno español e ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes. Segundo explicou, a reforma do actual sistema de financiamento autonómico vaise facer baixo o criterio de que "ningunha comunidade perda". No caso das taxas especiais, o secretario de Estado de Economía e Facenda, Carlos Ocaña, precisou que se traballa coa hipótese dunha cesión e até o 58% do total.

Solbes avanzou que así o vai propoñer no vindeiro Consello de Política Fiscal e Financeira, e salientou o feito de que se apostará por un modelo que garanta "financiamento suficiente" para todas as competencias transferidas.

Segundo o goberno español, da xuntanza do próximo martes 22 deberían saír os "principios básicos" baixo consenso, para a partir de setembro iniciar o que cualifican de "negociación real". En palabras de Ocaña, o paso "das musas ao teatro". A meta é que o acordo estea feito antes de 2009. Por outra parte, Solbes admitiu que os recursos adicionais para o reforzo do estado de benestar irán repartidos "en función da evolución da poboación das comunidades".

Luces e sombras, segundo a Xunta
Ese último apartado, o reparto de recursos en función da poboación, foi criticado este mesmo xoves polo conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, quen cualificou de "negativo" este aspecto para Galiza. Segundo o conselleiro, é imprescindíbel que o ministerio atenda á demanda da Xunta de que ese reparto adicional inclúa como factores de axuste os criterios de dispersión e avellentamento poboacional. "Deben estar no documento definitivo", explicou nos micrófonos da Radio Galega.

Por outra parte, Fernández Antonio avaliou positivamente que as primeiras liñas vaian na liña do respecto do "avance na autonomía e corresponsabilidade fiscal" e felicitou tamén que se prometa garantir o financiamento de todas as competencias transferidas. Con todo, de modo global, o responsábel de Economía dixo ver ambigua a proposta e insistiu na necesidade de afondar na concreción e ir poñendo "cifras" no debate.

As balanzas, modelo "simplemente informativo"
Doutra banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, afirmou que "non hai nin debe haber relación" entre o financiamento e as balanzas fiscais presentadas polo goberno español, das que dixo que son un instrumento de medición "con moitas limitacións" e con carácter "simplemente informativo". "Hai un Estado redistributivo e solidario que corrixe as diferenzas de renda, unha función que é unha obriga constitucional", engadiu.

De igual xeito, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, opinou que "non é xusto que dos 11 mil millóns de euros que o Estado recada en Galiza aquí só fiquen 7 mil". "Iso é o relevante e non entrarmos no debate sobre balanzas fiscais que son traxes a medida dos que as encargan", reprochou. Na opinión de Quintana, a clave para o país é incrementar a autonomía financeira e ter "ferramentas de abondo" para enfrontar a actual situación de crise. "É por iso que temos argumentado que o debate das balanzas fiscais é un debate cando menos trucado", engadiu.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: