Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para uso propio

Unha tribo indíxena peruana logra a concesión dun bosque

Por primeira vez na historia, o goberno do país andino asinou coa comunidade nativa un acordo de conservación do espazo natural onde viven dende hai milleiros de anos.

Redacción - 09:30 21/07/2008
Indíxenas peruanos pedindo o cese dos enfrontamentos cos madeireiros polas terras

Indíxenas peruanos pedindo o cese dos enfrontamentos cos madeireiros polas terras

Este acordo de concesión permitiralle á comunidade nativa, Los Queros, con apenas 56 membros, "asegurar o manexo e o emprego sustentábel" dos seus recursos forestais, segundo dixo encargado da conservación da Reserva Ecoloxía Haramba Queros-Wachiperi, Walter Quertehuari.

Este é o primeiro convenio da historia que o Estado peruano subscribe (a través do Instituto Nacional de Recursos Naturales, Inrena) cun grupo étnico. Segundo o acordo, a comunidade poderá realizar proxectos de conservación sobre unha área de 6.975 hectáreas, correspondentes a un bosque de gran biodiversidade.

Para a comunidade dos Queros o primeiro obxectivo, tras a sinatura deste acordo, era recuperar o seu territorio ancestral, mais tamén xerar traballo para a comunidade, co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. Para isto van facer, segundo dixo Walter Quertehuari, unha investigación sobre as plantas medicinais existentes na zona, sobre o turismo vivencial, o ecoturismo e a conservación de especies en perigo de extinción.

A comunidade de Los Queros

A comunidade Los Queros vive a case mil metros de altitude, na rexión sur de Cusco e pertence ao grupo étnico Huachipaeri dea familia lingüística Harakmbut. A mediados do século XX, após seren contactados, unha comunidade relixiosa chegou á comunidade, o que produciu entre os nativos o contaxio do virus da varíola, que portaban os visitantes e que terminou coa vida do 65 por cento da poboación e o abandono progresivo por parte das familias, dos seus antigos asentamentos.

A primeira concesión do Perú a unha comunidade indíxena
Na actualidade hai no Perú outras tres comunidades indíxenas que xa solicitaron a súa propia concesión para poder aproveitar os recursos dos seus asentamentos históricos: dúas delas están en Ucayali (selva norte) e unha na rexión Junín (centro).

O requisito base para que se asinen estes outros convenios é a non exportación da madeira. A licenza, que é de balde, é por un prazo de até 40 anos renovábeis para desenvolver proxectos de conservación da diversidade biolóxica e non é transferíbel a terceiros.

Ademais do aproveitamento dos recursos o bosque, os indíxenas han contar cun plan de educación ambiental e con servizos básicos, como un xerador de enerxía, un centro de investigación, unha escola e un centro médico. Tamén haberá campañas para combater enfermidades.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: