O Comité de Empresa afirma que a situación ten responsábeis con "nomes e apelidos", o máis importante, o goberno español.
Navantia na ría de Ferrol
O Comité intercentros de Navantia presentou un calendario de mobilizacións, que se iniciará en setembro unha vez finalice o período de vacacións, en protesta pola falta de diálogo na negociación do plan industrial e do convenio colectivo, e ante o "pasotismo" do goberno español e as "políticas nefastas" da compañía naval pública estatal.
O presidente do Comité intercentros e do Comité de Navantia Ferrol, Ramiro González (CCOO), anunciou esta cuarta feira en conferencia de prensa o inicio de mobilizacións a partir de setembro, segundo se decidiu de modo "unánime" nas asembleas organizadas este mes de xullo. Comezará cun paro de dúas horas o próximo 11 de setembro, encerros dos comités de empresa nos concellos das diferentes cidades e unha posíbel mobilización de delegados sindicais en Madrid.
Ramiro González denunciou que "o goberno, a SEPI e a compañía están a obstaculizar e impedindo a negociación" do plan industrial comprometido na última reconversión de decembro de 2004 que permitiu a creación da nova empresa Navantia, e asegurou que están a actuar con absoluta "falta de compromiso".
Culpábeis con "nomes e apelidos"
O presidente do Comité intercentros sinalou que esta situación ten responsábeis con "nomes e apelidos". Serían o goberno español, polo seu "pasotismo" dende o ano 2004, a SEPI, por asumir dende hai dous anos as "políticas nefastas de Navantia", e o responsábel da compañía, Juan Pedro Gómez Jaén, por comportarse de forma "despótica" e provocar a "ruptura do diálogo" cos sindicatos.
Ramiro González asegura que a pesar da "boa carga de traballo" actual coa que conta Navantia -encargos da Armada australiana e de Noruega, ademais dos buques que se constrúen para a española-, as "políticas absolutistas" e "centralistas" que impiden a colaboración de cada estaleiro poderían acabar provocando perdas económicas.
"Agora a situación económica da compañía non é mala, mais preocúpanos que estas cuestións leven a unha evolución en negativo", afirmou Ramiro González, quen citou como exemplo a situación da construción de buques quimiqueiros en Puerto Real, xa que "de estar prevista unha ganancia de 16 millóns de euros, pasouse a unhas perdas de 36 millóns de euros".
Compromisos
Os sindicatos reclámanlle á dirección de Navantia a negociación do plan industrial comprometido en 2004, para que concrete a función de cada un dos estaleiros, garanta o futuro de todos os centros e as áreas de negocio (reparacións, turbinas, motores), xunto co encargo da sexta fragata F-100 comprometida polo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero.
Salientou a necesidade de que "se"despexe o deseño industrial de cada unha das zonas" e, en concreto, do futuro dos estaleiros de Ferrol e Fene, "fronte á negativa" da empresa "a definir que produtos van ser os de construción propia da ría de Ferrol". Incidiu na posibilidade de que se retome a construción para o mercado eólico e para Offshore.