A fadista portuguesa presentará o seu espectáculo acústico Lisboarium como punto final ao festival dos sons marítimos.
A cantora portuguesa Mísia, unha das artistas máis recoñecidas do fado, clausurará o venres 11 o Ciclo de Músicas Portuarias que se desenvolve en Ferrol, no Teatro Jofre. O festival achegou á cidade as correntes actuais das músicas populares e urbanas dos portos do mundo.
E dende Lisboa chega Mísia, nada no Porto, filla dun enxeñeiro portugués e dunha bailarina catalá, e que pasou a súa vida en tres cidades con vocación portuaria: Porto, Barcelona e mais a capital de Portugal.
En Ferrol presentará o concerto acústico Lisboarium, estreado en París en febreiro de 2007, e onde a cantante interpreta sobre a música do fado tradicional os textos de grandes poetas especialmente escritos para a súa voz. Mísia estará acompañada en escena por Luís Cunha, ao violín; Bernardo Couto, coa guitarra portuguesa, e Daniel Pinto, á guitarra. A cita será o venres 11 ás 20:30.
O Ciclo de Músicas Portuarias é unha homenaxe a unha cultura mariñeira que tivo nos portos a referencia en terra do que sae e vén do mar. Un mundo de ida e volta, de viaxes, de emigración. Unha representación en clave musical da mestizaxe cultural entre os pobos.