O arxentino Marcelo Mercadante está considerado un dos mellores intérpretes de bandoneón e reside en Cataluña.
Brillando en las noches del puerto desierto/ como un viejo faro, la cantina está/ llamando a las almas que no tienen puerto/ porque han olvidado la ruta del mar. Así comeza Aquella cantina de la ribera, un tango dos moitos que teñen o mar, os mariñeiros e os portos como protagonista. Non é casual, logo, que un bandoneón abra o Ciclo de Músicas Portuarias que dende este venres e até o 11 de xullo lembrará o carácter esencialmente mariñeiro de Ferrol.
Marcelo Mercadante (B.Aires, 1969) aprendeu de grandes mestres do bandoneón como Rodolfo Mederos, Daniel Binelli e Orlando Tripod. En 1992 estabeleceuse en Barcelona, onde comezou a colaborar en distintos espectáculos musicais e teatrais, entre eles unha obra de Pepe Rubianes, e forma o Trio Argentino de Tango, con Andrés Serafini e Gustavo Battaglia, co que publica dous discos e realiza xiras por toda Europa. Ademais, ten publicado varios discos en solitario, o último deles Suburbios del Alma (2007). Nos últimos anos colaborou con Joan Manuel Serrat, e co intérprete flamenco catalán Miquel Poveda. Veñen de encargarlle un tango dedicado a Leo Messi.
Neste concerto actuará coa formación Quinteto Porteño, baseado en repertorio instrumental composto polo propio Marcelo, adaptacións de tangos tradicionais e versións de Astor Piazzolla. Comezará ás oito e media da tarde.