Os emigrantes empobrecen a terra que deixan (aínda que  a enriquezan cos cartos que envían); cando se transforman en inmigrantes  na terra que os acolle, asustan a parte do seus habitantes. Defensores  e detractores acumulan as súas razóns: cotizan á Seguridade Social  ou supoñen moito gasto médico; veñen formados ou crean guetos; traballan  no que ninguén quere ou fan as cidades inseguras, etc. Buscamos as  razóns despois de situarnos a un lado da balanza. Coas súas vantaxes  e inconvenientes, a emigración é un drama humano que supera calquera  debate que se pretenda facer sobre ela. Por iso decidín dar un pequeno  paseo polas historias que crearon a imaxinación e a reflexión doutras  persoas. As cavilacións dos outros son unha valiosa axuda á hora de  facer fronte á realidade e construír a nosa persoal visión do mundo. 
   Un pequeno paseo polas historias  contadas     E comecei co 
Inmigrante  de Charles Chaplin,  unha curtametraxe de trinta  minutos realizada en 1917. Imposible vela unha soa vez; humor e drama  mestúranse nunha historia que nos conta a chegada dun pobre europeo  ao país das oportunidades, e as non poucas dificultades que ten que  pasar alí na súa teima por sobrevivir.      
 En 2006, o debuxante australiano  Shaun Tan fixo unha delicia de cómic, unha historia de inmigrantes  sen palabras debuxada tan maxistralmente que un case se resiste a cambiar  de páxina. En cada unha delas emerxen misteriosas colas de réptiles  como símbolos de opresión. Hai xa moitos anos que as bandas deseñadas  deixaron de contar só historias infantís ou xuvenís, demostrando  a enorme capacidade que teñen os debuxos para transmitir sentimentos. Di Shaun Tan: “unha das razóns fundamentais  polas que decidín prescindir do texto foi destacar este principio:  o protagonista non pode ler nin comprender nada, así que o lector tampouco  debería poder” –  Unha marabilla.  
   Esta pequena viaxe remata con  dous documentais: 
Balseiros, que narra a historia de sete cubanos  que tentan fuxir da illa cara a Estados Unidos, e 
A derradeira fronteira,  na que uns cameruneses contan os motivos que os levan a enfrontarse  a esa muralla de espiños que separa Melilla do resto de África.  
  É un privilexio gozar da capacidade  excepcional que posúen estes observadores para descubriren os matices  da experiencia humana. É un reto aprender deles sequera un chisco do  seu xeito de comprender.