Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Colombia

Rescate ou liberación?

O Exército puido aproveitar a vontade das FARC para pór en liberdade a Betancourt e os outros 14 retidos, e vendelo como unha vitoria de Uribe.

Fernando Arrizado - 13:55 03/07/2008

O xeneral Freddy Padilla León, coordinador da Operación Jaque, afirmou esta cuarta feira logo da posta en liberdade dos 15 retidos polas FARC, que esta "durou varios meses" e pasou por varias "fases" que incluíron a "infiltración" no Secretariado da guerrilla.

No entanto, diversas voces poñen en dúbida que o rescate dos 12 cidadáns colombianos -once militares e a ex candidata presidencial Ingrid Betancourt- e os tres contratistas do Pentágono estadounidenses sexa tal. Segundo esta teoría, o labor do Exército colombiano foi o de abortar unha negociación en marcha que culminaría coa liberación destes, e vendelo como unha vitoria do goberno Uribe sobre as FARC.

Neste senso, o Polo Democrático Alternativo de Colombia fixo público un comunicado onde, ademais de celebrar o acontecemento e avogar pola fin da loita armada, defende a vía da negociación en troques de intervencións militares como esta última.

Un pouco máis alá foi un dos seus dirixentes, Sergio Guzmán, que afirmou que "non son claras as condicións de liberación dos retidos polas FARC", polo que, sinalou, xorde a posibilidade de que non fose un rescate senón unha liberación. Hipótese compartida tamén polo presidente de Bolivia, Evo Morales.

Oportuno rescate/liberación para Uribe
Tal e como salientan diversos medios, a posta en liberdade dos secuestrados prodúcese nun dos momentos políticos máis críticos para Álvaro Uribe. Hai unha semana o Tribunal Supremo desaprobou a modificación da Constitución impulsada por este, que lle permitiu ser reelixido nas eleccións de 2006 e -tal e como dicían os que denigraban a reforma proposta por Hugo Chávez en Venezuela- dálle a posibilidade de "perpetuarse" no poder.

Ademais, o presidente colombiano está implicado directamente nos casos da chamada parapolítica que investiga a Xustiza, e que levou a detención dunha trintena de parlamentarios relacionados co financiamento de grupos armados. O rescate/liberación dos retidos, especialmente o/a de Betancourt polo seu carácter mediático mundial, supón unha bolsa de osíxeno para Uribe.

Delegados europeos, en negociación coas FARC
Cómpre sinalar que, segundo recolle a prensa nacional e internacional, o ex cónsul francés Noël Saez e o suízo Jean Pierre Gontard entrevistáronse hai poucos días co líder das FARC, Alfonso Cano, no que podería ser unha nova apertura das canles de negociación para a liberación dos reféns, rotas co asasinato de Raúl Reyes.

Á espera de que a guerrilla dea a súa versión, a Operación Jaque unha nova manobra do goberno, xa non só para beneficio propio de Álvaro Uribe, senón co fin de bloquear de novo unha solución dialogada do conflito, contraria e prexudicial para a política do actual presidente colombiano e do seu goberno.


4,29/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: