Secuestrada polas FARC hai seis anos, o exército colombiano trasladouna este mércores a Bogotá, xunto con outros 14 reféns.
"É un sinal de paz para Colombia", dixo Ingrid Betancourt nas súas primeiras declaracións públicas despois da liberación. A ex candidata presidencial permanecera algo máis de seis anos como refén das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia, as FARC.
Betancourt foi liberada este mércores xunto con tres reféns estadounidenses e once soldados e policías colombianos que permanecían tamén retidos. A operación foi realizada polo exército de Colombia segundo parece coa colaboración dos Estados Unidos.
O ministerio de Defensa colombiano explicou a través da súa páxina web que "foron rescatados nunha operación onde se logrou infiltrar a primeira cuadrilla das FARC, a mesma que durante os últimos anos mantivo un grupo numeroso de secuestrados no seu poder". "Como os secuestrados estaban divididos en tres grupos, logrouse que se reuniran nun só sitio e logo se facilitase o seu traslado ao sur do país, para que, supostamente, pasaran directamente ás ordes de Alfonso Cano", relata o documento, "coordinouse entón que os secuestrados foran recollidos nun sitio predeterminado por un helicóptero dunha organización ficticia".