A palabra e mailos contos de Quico Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira e Róber Bodegas serán protagonistas o vindeiro sábado.
Non é unha cita gastronómica, sen embargo será unha gran festa. O Colectivo Tatalo e o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega están empeñados en dotarnos doutro xeito de divertimento, apegado á tradición cultural. Logo do éxito colleitado o ano pasado, este sábado celebrarase a segunda edición da Festa da Narración Oral de Galiza no concello do Pino, un evento que contará ademais con música e espectáculos de contacontos nos bares de Arca.
Programa de festa
Dende primeira hora da mañá a oralidade e o seu protagonismo nas aulas serán tema de conferencias e obradoiros, que correrán a cargo de Antón Cortizas (mestre e escritor), Montserrat Rivera (compoñente do grupo de música Leilía), Paula Carballeira (actriz e escritora) e Bieito Iglesias (escritor).
Xa pola tarde, a partir das sete menos cuarto e no Centro Sociocultural Luis Seoane, terá lugar o acto central de Festa, que contará cos narradores Quico Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira e Róber Bodegas. Ademais, participarán Guadi Galego e Guille Fernández poñendo a nota musical.
E pola noite, todos os bares de Arca contarán con espectáculos de contacontos afeccionados, que estarán animados por Pepo Suevos, Carlos Santiago, Celso Sanmartín e Eva Varela. Ademais, o grupo tradicional Tombalombos animará a festa polas rúas.
Aqueles que queiran participar como contacontos afeccionados ou que queiran consultar o programa poden velo na web da organización: Cóntocho.eu.