Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobaron o 88% dos alumnos

Portugués e Debuxo Técnico, as materias máis dominadas na Selectividade

Cun 7,88 e un 8,45, respectivamente, son as materias coa nota media máis alta en Galiza nas Probas de Acceso á Universidade (PAAU).

Redacción - 12:45 02/07/2008

Un 88% dos alumnos que se presentaron en Galiza ás Probas de Acceso á Universidade, a Selectividade, este mes de en xuño, aprobaron o conxunto dos exames. Unha porcentaxe apenas dous puntos por baixo da de 2007. Do total de 8.989 alumnos matriculados, 8.941 presentáranse finalmente ás probas, dos cales 7.919 superaron a Selectividade, segundo os datos provisionais. A opción de Artes rexistrou a maior porcentaxe de aprobados, co 94,24%; seguida de Humanidades, o 90,2%; Científico-Tecnolóxica, o 89,84%; Ciencias Sociais, o 88,22% e Ciencias da Saúde, co 86,37%.

Debuxo Técnico I e II foron as materias onde os estudantes do país obtiveron a nota media máis elevada, 8,45 e 8,31, seguidas do Portugués, cun 7,88. No outro extremo aparece a Bioloxía, coa nota media máis baixa, un 5,25.

O resto de cualificacións medias: Francés, cun 7,88 de media; Debuxo Artístico cun 7,12; Mecánica, cun 7,09; Matemáticas, un 6,39 de media; Historia da Arte, un 6; Química, un 6,13; Física, cun 5,76; Lingua Castelá, cun 5,76; e Lingua Galega e Literatura, cun 5,85; Inglés, un 5,8; Análise de Texto Filosófico, un 5,53 e Xeografía, un 5,54.

Os datos facilitados este mércores pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) reflicten un descenso das notas medias en varias áreas: así, Bioloxía baixou dun 5,58 de media en 2007 a un 5,25 este ano; Inglés pasou dun 6,42 a un 5,8, Francés, de 7,71 a 7,3; Matemáticas, de 6,71 a 6,39; Química de 6,45 a 6,13. Entre os incrementos destaca o Portugués, de 6,83 a 7,88, Física, de 5,02 a 5,76 e Debuxo Artístico, de 6,17 a 7,12.


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: