O Constitucional anulou hai un mes a reforma que permitía o veo nas universidades, principal proba no proceso por "islamización do Estado".
O primeiro ministro, Erdogan
O fiscal xeral de Turquía, Abdurraham Yalcinkaya, compareceu este martes perante o Tribunal Constitucional para pedir a ilegalización da formación que sustenta o goberno, o Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP), de ideoloxía islamista.
Precisamente, o actual primeiro ministro do país, Recep Tayyip Erdogan, foi quen fundou o AKP que nas pasadas eleccións lexislativas conseguiu a vitoria cunha marxe ben ampla. Porén, importantes estamentos do Estado, entre outros o Exército e a Xustiza, consideran que pretende instaurar a Sharia (lei islámica).
Yalcinkaya, que compareceu nunha sesión a porta pechada, defende que o partido se converteu no principal impulsor das actividade antiseculares en Turquía. "O risco foise incrementando día a día", recolle a súa petición. "O perigo está claro e é concreto. Non hai outro xeito de protexer a sociedade que ilegalizando o partido", engade o escrito presentado.
Hai pouco menos dun mes, o Tribunal Constitucional anulou a reforma, impulsada polo Executivo, que permitía o veo nas universidades. Esta será, tal e como se predixo xa daquelas, a principal proba que presente a Fiscalía contra o AKP.