Aínda que as familias de acollida se ocupan da manutención, o acordo compromete os gobernos municipais a abonar a pasaxe.
Recibimento a crianzas saharauís nun concello do país
Entre o 10 e o 12 de xullo aterrarán en Galiza as 846 crianzas saharauís que van pasar o verán nas casas de familias voluntarias de todo o país. O programa Vacacións en Paz, de ámbito estatal, está xestionado na nosa terra pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e conta coa colaboración de 180 concellos adscritos. O compromiso dos gobernos municipais consiste no pagamento dos billetes de avión dos cativos, mais este está a ser incumprido por case todos.
"Arredor de setenta concellos non pagaron o importe das pasaxes dende hai tres anos", confesa o dende hai un mes novo delegado da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) en Galiza, Ahmedu Mojtar. Este prefire non dar "polo momento" ningún nome, "porque algúns xa comezan a pagar" e con outros "estamos en negociacións".
No entanto, Mojtar alerta da débeda que están a acumular coa compañía aérea alxerina, Air Algérie, coa que teñen asinado un convenio de colaboración. Aínda que "temos flexibilidade" para abonar os billetes, o certo é que o acordo con Air Algérie estabelece que o pagamento se debe facer "cando menos, con 15 días de antelación á viaxe". Algo que, evidentemente, non se está a cumprir.
Atraso xeneralizado nos pagos
Xunto cos setenta concellos 'morosos', hai outros moitos -"a grande maioría", afirma Mojtar- que aínda que acaban por dar os cartos, fano "dun ano para outro". Unha axuda económica, informan dende Solidariedade, que pode ser asignada directamente dende a Alcaldía ou ben aprobada polo Pleno, dependendo de cada un dos concellos que deciden colaborar co programa Vacacións en Paz.
O delegado do goberno do Sahara Occidental di que nos últimos días enviaron un escrito a todos os municipios participantes animándoos a que "axilicen os pagamentos". Aínda que tamén matiza, "non é o mesmo un concello pequeno que trae dous nenos e non abona as pasaxes, que un grande que trae vinte e só paga dez". Preguntado por se isto significa que entre os morosos hai algún das sete grandes urbes, Mojtar afirma: "Hainos grandes, medianos e pequenos".