Lech Kaczynski, presidente polaco, afirmou que non asinará o Tratado de Lisboa, malia que o Parlamento polaco o ratificase.
"Houbo un retroceso, e iso significa que houbo un erro na forma de construír Europa", opinaba o presidente de Francia, Nicolas Sarkozy, durante unha intervención televisiva este luns, poucas horas antes de que o seu país asumise, este martes, a presidencia da UE durante o segundo semestre de 2008. "Europa non funciona, e preocupa, e peor aínda, pouco a pouco os cidadáns pregúntanse se a nivel estatal poden protexelos do espazo europeo", reflexionaba Sarkozy.
Francia inicia así o liderado da UE até final de ano coa meta principal de resolver o freo do Tratado de Lisboa despois do referendo onde os cidadáns irlandeses decidiron o "non" ao proceso. O presidente francés xa ten na axenda unha viaxe a Dublín este mesmo mes de xullo, para debater co goberno irlandés un posíbel apaño á situación. Antes do referendo, a cita clave semellaba ser o próximo 15 de outubro, na xuntanza onde os líderes da UE aspiraban a completar a ratificación do Tratado.
Entre os outros temas destacados pola presidencia francesa para este semestre aparecen o encarecemento do petróleo, o debate sobre o futuro da política agraria común, o impulso á chamada Unión para o Mediterráneo, o debate do proxecto de defensa europeo e as políticas en materia de inmigración. Para suavizar o perfil da súa presidencia, Sarkozy elixiu salientar neste inicio do camiño a súa petición para que a Comisión Europea reduza un 5,5% o IVE dos produtos ecolóxicos.
Por outra parte, o presidente polaco, Lech Kaczynski, sorprendeu esta semana coa súa declaración, durante unha entrevista, da intención de non asinar o Tratado de Lisboa, malia que o propio Parlamento polaco o ratificase. Na opinión de Kaczynski, o "non" irlandés ao proceso fai "inútil" continuar o camiño. O mandatario polaco advertiu ademais contra as voces que desde a UE insinuaron un posíbel illamento a Irlanda no proceso. "Non pode racharse a regra da unanimidade, porque se o facemos unha vez non volverá existir", concluíu ao respecto.