Este sábado 28 de xuño o colectivo "Cangas non se vende" tomará man da música para recordar a súa loita.
A Tuna Rastafari, Deva, Djs de Batea, Coro Literario Mala Sombra e o seu Bariton e o Ghaiteiro de Aldán. Estes serán os grupos musicais cos que poderemos cantar e bailar este sábado na vila de Cangas. O Morrazo volve poñer o acento crítico na situación ambiental da ría de Vigo e, desta vez, vaino facer a xeito de festa musical. Será a partir das 8 no Local Social da Tiradoura, en Cangas, e a entrada ten un custe de 5 Euros.
Música ao vivo e sardiñas serán os ingredientes desta cita coa que SOS Massó recorda a súa negativa aos recheos previstos na ría (230.000 metros cadrados) e aos portos deportivos proxectados na súa costa (5.000 novos amarres). Aínda máis, o cambio de uso industrial a residencial dun conxunto de terreos ao pé da costa de Cangas, o que abre a porta á creación dun complexo portuario, residencial, un hotel e mesmo un centro comercial.
Unha das actividades máis recentes e destacadas do colectivo foi a marcha que o pasado 25 de maio percorría as rúas de Vigo ao berro de "A ría non se vende". Lanzáronse entón proclamas que aínda hoxe seguen vixentes na defensa do litoral: contra os recheos, o urbanismo salvaxe, a depuración ineficiente, a destrución dos recursos pesqueiros, a marbellización e o desprezo contra a identidade cultural e mailo patrimonio común.