Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEREITOS CIVÍS

A Fiscalía ampara as gravacións ilegais a detidos

O Movemento polos Dereitos Civís denunciara as gravacións a detidos con dispositivos particulares como cámaras dixitais ou móbiles.

Redacción - 11:45 27/06/2008

A polémica iniciouse cando un membro dun sindicato policial aseguraba nunha cadea de televisión que os axentes adoitaban tomar imaxes e gravar aos detidos nas comisarías, tanto con cámaras dixitais como con móbiles. Segundo explicou, esta é unha medida de precaución, para gardar as costas ante posibles denuncias por abusos ou malos tratos por parte da policía. Saltaron entón todas as alarmas, e o Movemento polos Dereitos Civís presentou unha denuncia ante a Fiscalía Xeneral do Estado, ao entender que esta práctica vulneraba a Lei de Videovixilancia, a de Protección de Datos e mesmo o artigo 18 da Constitución referido á honra, á intimidade e á propia imaxe.

Agora chegou a contestación da man da Fiscalía, quen non considera irregular estas gravacións. Asegura que esta medida non entra en contradición nin coa normativa recollida no Código penal referida ás obrigas dos funcionarios da Administración Pública, nin cos dereitos á intimidade ou propia imaxe. Entende que para que existise un delito debería haber unha vontade activa por parte do suxeito á hora de tomar as imaxes, cousa que non sucede ao facer esta práctica coa finalidade de protexerse en casos de denuncias de malos tratos.

Doutra banda, a Fiscalía asegura que moitas instancias avogan pola gravación xeneralizada dos procedementos que se seguen nas detencións, precisamente para evitar os malos tratos a detidos. Mentres, o Movemento polos Dereitos Civís contesta que este tipo de solicitudes se refiren á instalación de cámaras, é dicir, dispositivos controlados e rexistrados legalmente. Sen embargo, no caso destas gravacións particulares existe unha clara falta de control, de tal xeito que non se pode garantir que estas imaxes rematen en internet ou mesmo sexan divulgadas sen o consentimento dos detidos.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: