"Os detidos foron metidos en buses, sen saberen onde os levaban e sen comer; foron tratados como cans", denunciou un deputado comunista.
'Centro de retención' de Vincennes
O incendio que destruíu un centro de reclusión de inmigrantes irregulares ao leste de París trouxo de novo ao debate público a política migratoria do goberno francés e mais da UE.
Cómpre lembrar que a pasada cuarta feira, o Europarlamento aprobou -cos votos, entre outros, de partidos socialdemócratas como o PSOE español- a directiva que permite retencións de até 18 meses e repatriacións de menores a países diferentes ao seu de orixe.
O centro parisiense de Vincennes, onde estaban retidas 249 persoas inmigrantes, ardeu o domingo á noite, un día despois da morte dun tunisiano, vítima dun ataque cardíaco. Durante o incendio, un número indeterminado de reclusos fuxiu -a Policía falou de 14 nun principio, e reduciu a cifra a un finalmente. Ademais, 18 foron hospitalizados.
A asociación de axuda a estranxeiros sen papeis La Cimade, única autorizada a estar presente neste tipo de centros, apuntou que había máis de seis meses de que alertaba sobre a situación "explosiva" en Vincennes. Folgas de fame, disturbios e actuacións controvertidas da Policía dende finais de 2007 levaron a un conato de rebelión este domingo, con varios lumes provocados nalgúns cuartos.
Lea política
Os parlamentarios do PCF enfrontáronse este luns aos do partido do goberno, a UMP. "Os detidos foron metidos en buses, sen saberen onde os levaban e sen comer; foron tratados como cans", denunciou un dos deputados comunistas. As autoridades galas trasladaron os reclusos a outros centros do país durante a noite.
Outro deputado, Jean-Pierre Brard, que puido penetrar ao recinto pouco despois do incendio, sinalou que a intoxicación dos feridos provocárona os gases lacrimóxenos utilizados pola Policía para dispersar a revolta interna.
O partido do goberno acusa os manifestantes
Pola súa banda, un portavoz da UMP responsabilizou indirectamente dos feitos aos manifestantes da Rede Educación sen Fronteiras (RESF), que protestaban ese mesmo día fronte ao edificio. O seu camarada Thierry Mariani tamén denunciou as "notorias coincidencias entre a manifestación ilegal e o inicio en catro focos do incendio".
Outro voceiro do Partido Socialista afirmou que "eses centros de retención están abarrotados con todos os riscos que iso comporta". "Non se pode tratar os inmigrantes en condicións inhumanas, sexa cal sexa a súa situación", engadiu.