O sindicato considera que é "froito da presións de intereses alleos ao Ensino, como é o caso da xerarquía da Igrexa".
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino
O sindicato CIG-Ensino criticou duramente a aprobación do novo decreto de Bacharelato no Consello da Xunta desta quinta feira, xa que considera que "non rectifica as graves carencias que posúe e mesmo os seus erros manifestos".
Xa que logo, auguran que estas deficiencias "obrigarán en breve a ter que modificar o seu contido, froito de atender ás presións de intereses alleos ao ensino como é o caso da xerarquía da Igrexa, en troques de escoitar as demandas da comunidade educativa".
Galiza, din, "vai ser a Comunidade peor parada en canto aos contidos do currículo". Incide a CIG-Ensino na perda de carga horaria "en materias fundamentais para a formación do alumnado" como Historia e Filosofía. Pola contra, "é unha das que máis favorece o adoutrinamento relixioso que mesmo chega até un curso ponte coa universidade como é 2º, cousa que nin nos peores tempos do franquismo ocorrera co seu nivel equivalente".
Ademais, a CIG cualifica de "chapuza" que se aprobe un decreto que "derroga a orde das optativas que ofertarán os centros" e que nestes momentos teñen aberto o seu prazo de preinscrición, cando "aínda non se coñece" cales van ser esas materias na nova orde.
Presidente da Xunta, "irresponsábel"
Por último, comparan esta situación coa do decreto de Educación Infantil (en vigor, a partir do vindeiro curso), "que superou todos os trámites e si conta co consenso da comunidade educativa", mais que aínda permanece "na gabeta do presidente da Xunta", causando "graves trastornos" á planificación educativa.
"Este obstrucionismo nunha norma fundamental e demandada pola comunidade educativa só pode obedecer a irresponsabilidade dun presidente da Xunta despreocupado polo ensino do noso país", afirman dende a CIG-Ensino, que ademais anunciou a súa intención de seguir pelexando por "un bacharelato máis compensado, laico e de calidade".