Case a metade das mulleres guineanas sufrirán ablación. Unicef e o goberno guineano lanzan unha campaña para combatela.
Cada ano 3 millóns de nenas sofren unha mutilación xenital. Estes son os arrepiantes datos que ofrece Unicef, pero non rematan aí. Estas prácticas realizanse decote baixo condicións antihixiénicas, con coitelos non esterilizados e sen ningún tipo de anestesia. As estimacións fálannos dunhs 150 millóns de mulleres que xa se viron sometidas á mutilación xenital e están hoxe sometidas ás súas consecuencias: hemorraxias prolongadas, infeccións, retencións urinarias, tétanos, incontinencia, infertilidade ou mesmo a morte.
Se fixamos a nosa vista, en concreto, no país africano de Guinea Bissau, as estatísticas seguen a asustar: o 44,5% das mulleres guineanas de entre os 15 e os 49 anos de idade sufrirán mutilación xenital. O Goberno de Guinea Bissau, xunto co Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef), queren poñerlle freo a esta práctica. A campaña, que responde ao lema Acelerar a mundança para o abandono da mutilação, promoverá durante os vindeiros tres anos accións de sensibilización nas rexións de Bafatá, Gabu, Oio e Quinará, principais zonas onde se practica a ablación.
A iniciativa conta coa participación do Fondo da población das Nacións Unidas (Fenuap) e será executada por Tostan, unha organización non gubernamental internacional con máis de 15 anos de experiencia en concienciación e solidariedade cara a comunidades afectadas por prácticas tradicionais que conlevan sufrimento.