Un grupo de catro presas do centro penitenciario elaboran un programa de televisión co fin de demostrar que non son "simplemente delincuentes".
Rita, Montse, Ana e Aurora. Estes son os nomes de catro mulleres valentes, con ganas de demostrar ao mundo que no cárcere "non só hai persoas malas". Gritan "non somos simplemente delincuentes" e reclaman unha atención que até o de agora unha boa parte da sociedade lles nega. O seu proxecto, liderado pola Asociación Nosotras Intramuros, é o dun programa de televisión feito dende o cárcere pero con vocación de chegar a todos aqueles que as queiran escoitar.
Grazas a esta iniciativa, estas mulleres que viven no centro penitenciario de Teixeiro, puideron achegarse ao funcionamento dun medio de comunicación como a televisión. Co asesoramento da Asociación e a colaboración da Facultade de Xornalismo de Compostela, elaboraron un guión, unha escaleta de contidos, presentaron un informativo, un magazine de entrevistas e mesmo participaron nun debate.
Os temas que abordar tivéronos claros: a vida cotiá na cadea, das dificultades coas que se atopan para estudar ou simplemente do descoñecemento que existe sobre o que ocorre nas prisións. De momento, ningunha canle se interesou no proxecto para emitilo e achegalo ao grande público, pero elas agardan que así sexa.
Así, estas dúas coruñesas, unha valenciana e unha ferrolá tiveron que superar os seus nervios, a tensión de colocarse ante unha cámara, para comunicar as súas inquedanzas. De primeiras a experiencia gustoulles: permitiulles aprender, coñecer outra realidade e fuxir polo menos durante unhas horas dos muros de Teixeiro.
Privación da liberdade, non da palabra
Malia estar en prisión, estas mulleres reclaman a súa liberdade de expresión. Queren que se oia a súa voz e esta non é a primeira actividade na que participan. Un programa de radio e mesmo un blog son outros dos seus proxectos xa en marcha. "Gustaríanos que as novas tecnoloxías servisen para abrir portas e cruzar os muros e ser un pouquiño máis visíbeis na sociedade", así reza o seu blog, Chicass10, onde se recollen todo tipo de contidos.
Para o futuro, non descartan repetir a experiencia, mais teñen outras ideas: un curso de maquillaxe, o camiño de Santiago... o que sexa para demostrar as súas gañas de facer cousas e a súa vocación de reinserción.