Emotivo acto en recoñecemento de Luis Gonçales ‘Foz’ pola súa "entrega vital" e o traballo en favor da "liberación nacional".
Con "emoción e agradecemento" asistiu Luis Gonçales ‘Foz’ aos actos de homenaxe que se lle realizou este sábado en Compostela. Foz recordou a sinatura da Carta de Brest, un episodio histórico na "defensa da Europa dos pobos contra a Europa do capital" e subliñou o que na súa opinión é un novo paso realizado no mesmo camiño, o recente "non" dos irlandeses "a esa mesma Europa do capital fronte á que nós loitabamos". No acto estiveron Eoín O’Murchu (Sinn Fein) e Hervé Grall (UDB), con quen Foz participou na elaboración daquela Carta de Brest, que lle deu proxección europea ao nacionalismo galego naquela altura de 1972.
Foron moitos os representantes de diversos sectores do nacionalismo e o independentismo os que se achegaron até o auditorio do Instituto Arcebispo Xelmirez para participar na homenaxe. O apartado musical contou coas actuacións dos cantores Tino Baz e Miro Casabella, Uxía e os grupos Na Virada e A Quenlla.
En representación do comité organizador, Ramom Muntxaraz afirmou que "xa era hora de que se recoñecese o traballo de quen foi un exemplo de coherencia política en todas as frontes". No mesmo sentido, Pedro Alonso, tamén do grupo promotor, comentou que "a figura política de Foz na actualidade estaba infravalorada a respecto de todo o esforzo e traballo que fixo para pór a andar a organización das ideas nacionalistas nunha forza como foi no seu momento a UPG".
No acto, presentado por Comba Campoy, interviron ademais Antom Árias Curto, Xesús Sanxoás, Manuel A. Fernández Domínguez, Bernardo Penabade, Charo Lopes e Antón Moreda, persoeiro este último que finalizou a súa intervención resumindo o seu vencello co homenaxeado: "Foz, un irmán".