Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Crise alimentaria e cambio climático: con licenza para matar

Paradoxalmente, dos foros da ONU saen medidas que no canto de enfrontar as crises, poden empeoralas.

Silvia Ribeiro – ALAI - 14:00 14/06/2008

No contexto das peores crises globais en décadas (crise alimentaria e cambio climático), dúas reunións globais de Nacións Unidas nas últimas semanas, propoñen medidas que en lugar de enfrontar as crises vanas empeorar. Máis apertura comercial, alta tecnoloxía e endebedamento. Os que gañan, e moito, son as transnacionais dos agronegocios, os especuladores bolsistas e a nova caste dos filantro-capitalistas como Bill Gates, voitres cebados na fame allea.

Durante o Cumio da Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) sobre seguridade alimentaria (Roma 3-5 de xuño), o organismo anunciou o 4 de xuño, "unha alianza sen precedentes entre elementos de primeira liña do desenvolvemento agrícola", co obxectivo de "darlle un gran impulso á produción de alimentos en África". Con ese anuncio, o lóxico sería que tal acordo sexa cos campesiños e campesiñas africanos. Moi lonxe diso, isto é un acordo entre a Alianza por unha Revolución Verde en África (AGRA polas súas siglas en inglés) promovida polos billonarios Fundación Bill e Melinda Gates e a Fundación Rockefeller; coa FAO, o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola (FIDA) e o Programa Mundial de Alimentos (PMA).

Obviando as causas reais e que o problema non é produción de alimentos senón acceso, afirman que a solución "perenne" para África é aumentar a produción de alimentos "modernizando" cunha "nova revolución verde" aos millóns de labregos, que sobreviviron a pesar das vagas de colonialismo e neoliberalismo. É dicir, o que se pretende agora é impulsalos á dependencia masiva de sementes industriais e agroquímicos patentados, destruíndo os seus xa fráxiles solos e a súa biodiversidade, contaminando as súas fontes de auga con agrotóxicos, todo condimentado coa imposición de novas leis de sementes e de propiedade intelectual para protexer ás empresas que lles venderán as sementes que nunca pediron. O obxectivo é desarmar os sistemas alimentarios tradicionais que non se basean fundamentalmente en diñeiro e non se someten ás regras de mercado. Que coincidencia, parécese á política agrícola en México, que expulsou a millóns de persoas do campo e á emigración, afundindo o país na peor dependencia alimentaria da súa historia. Será porque o ex presidente Ernesto Zedillo é asesor estrela da tal Fundación Gates?

O mesmo día, Monsanto, que espera lucrar en grande con todo isto, sacou un comunicado onde promete "sen ningún fundamento real" aumentar ao dobre a produción de millo, soia e algodón transxénico para 2030, como solución á fame e ao cambio climático. Anuncia que en equipo coa Fundación Gates e o CIMMYT (centro internacional de investigación agrícola sobre millo e trigo, baseado en Texcoco), están desenvolvendo cultivos transxénicos resistentes á seca, pero que non lle cobrarán a regalía das súas patentes monopólicas aos máis pobres en África (polo menos na primeira colleita, até que se fagan dependentes). É unha basta manobra para lexitimar os transxénicos e abrir mercados, que contaminen aos africanos (e a quen se deixe), navegando as oportunidades que lle abren os seus amigotes de Nacións Unidas.

O cumio da FAO, do mesmo xeito que semanas antes o fixera a novena Conferencia do Convenio de Diversidade Biolóxica (CDB), reunida en Bonn, paseou o tema dos combustíbeis agroindustriais "que segundo numerosos informes compiten coa produción de alimentos e son unha ameaza á biodiversidade" para figurar como preocupados, pero sen decretar ningunha medida efectiva que free este tolo desenvolvemento. A escusa é que estes "pequenos erros" poderíanse corrixir cunha "segunda xeración", o que na práctica significaría inmensas plantacións de árbores e cultivos transxénicos.

Ao comezo da conferencia do CDB, o secretario deste organismo, Ahmed Djoglaf, declarou que "a empresa máis grande do mundo non é Wal-Mart, é a natureza", e congratulouse de que nesta conferencia habería gran presenza das industrias, grazas ao uso que este funcionario fai dos recursos públicos dese organismo, para facilitar que estean alí as transnacionais, principais destrutores da diversidade biolóxica e cultural.

A solución real á crise alimentaria e os efectos agrícolas do quecemento global, son quen teñen o coñecemento e 10 mil anos de experiencia en crear alimento, abrigo, cultivos adaptados aos diferentes climas e situacións, accesíbeis para todos: os campesiños e campesiñas do mundo. Con todo, tanto no Cumio da FAO, como no CDB, reprimiuse e expulsouse, tratando de calalos, a delegados de Vía Campesiña. O seu delito: na FAO unha protesta pacífica portando carteis con datos das inmorais ganancias dos agronegocios grazas á crise alimentaria e no CDB, estender mantas que dicían "a natureza para a xente, non para o lucro" e "non hai biodiversidade agrícola sen labregos". Non están sós, non calarán e sobre todo, teñen razón.
***Silvia Ribeiro é investigadora do grupo ETC


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: