Haberá unha recollida masiva de mostras de sangue de parentes de persoas detidas e desaparecidas naqueles anos.
"Se ten vostede un familiar vítima da desaparición forzada entre 1974 e 1983 na Arxentina, unha simple gota do seu sangue pode axudar a identificalo". Así se presenta o proxecto que a próxima semana trae a Galiza un grupo de persoas do Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense, EAAF. Os familiares son convidados a pasar polo consulado de Vigo, onde lles tomarán as mostras de sangue.
A iniciativa chega despois da exhumación de arredor de 600 esqueletos que neste momento agardan a ser identificados. Unha cifra que aumenta, xa que as exhumacións continúan en todo o país. Por este motivo, creouse en Arxentina un Banco de Mostras de Sangue, dependente da Secretaría de Dereitos Humanos da Nación. Durante 2008 e 2009, a EAAF púxose o obxectivo de convocar o maior número posíbel de parentes de desaparecidos e represaliados para comparar as mostras de sangue cos restos dos cadáveres atopados.
En Galiza, onde se pensa que é probábel atopar parentes de moitos dos desaparecidos durante a ditadura arxentina, a recollida de mostras comezará o 18 de xuño. O equipo da EAAF está encabezado por Luís Fondebrider, licenciado en Ciencias Antropolóxicas. A campaña está realizándose tamén noutras partes do Estado español, e en Galiza está coordinada polo Consulado Xeral de Arxentina, coa cónsul Georgina Bortolotto á fronte. Contará coa colaboración de especialistas galegos, como é o caso de Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago.
Cun balance de milleiros de asasinatos producidos durante a ditadura entre os anos 1974 e 1983 e arredor de 30 mil desaparecidos, en Arxentina hai xa 65 hospitais recollendo mostras de familiares destes. Desde novembro, cando comezou a campaña, foron xa máis de dous milleiros de persoas as que deixaron mostra de sangue para ser comparado con algún dos corpos recuperados.