Perigo de atraso na activación de medios de salvamento. O barco da Guarda que afundiu nas Canarias non estaba na base de datos.
Antonio Salgado, oficial radioeléctrico, explica que o feito de que un buque non apareza na base de datos do Sistema Mundial de Socorro (Sistema MARS), como é o caso do pesqueiro 'Tuly', con base na Guarda (Pontevedra) e que naufragou este mércores ao sueste da Illas Canarias, pode significar un "atraso considerábel" na activación do medios de salvamento e tamén, "a perda de vidas humanas ou casos de contaminación mariña".
Salgado recordou que o último informe da Organización Marítima Internacional (OMI) sobre o Sistema Mundial de Socorro, demostra que o Estado español "non está a actualizar en tempo e forma esta base de datos". Ao fío, advirte do "desconcerto" que pode crear un buque emitindo unha mensaxe ou alerta de socorro, urxencia ou seguridade, por medio dos Subsistemas e Métodos do Sistema Mundial de Socorro, en caso de non estar rexistrado na súa base de datos.
Por este motivo, o colectivo de Oficiais Radioelectrónicos de mariña Mercante esixen o cesamento do xefe de área de radiocomunicacións da Dirección Xeral da Mariña Mercante. Este colectivo recrimínalle a "pésima xestión" das bases de datos "que están a ocasionar non poucos atrasos na activación tempos resposta dos buques no mar e medios salvamento". Sobre o mesmo asunto, o grupo parlamentario do BNG presentou unha pregunta parlamentaria para coñecer a causa deste problema.