Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galardón "Marcela e Elisa"

O premio Milhomes vai para un profesor e un alumno de Melide

Para o docente pola súa explicación sobre o protagonista homosexual d'A Esmorga, e para o mozo por recoñecer a súa homosexualidade e denunciar o acoso a compañeiros gais.

Redacción - 09:00 11/06/2008

A asociación Milhomes elixiu para o seu premio en 2008 ao profesor Francisco Veiga, docente no Instituto de Secundaria de Melide, e máis a un seu alumno de 17 anos. No primeiro caso, o colectivo quere recoñecer co galardón o interese do profesor por explicarlles aos seus alumnos a existencia na Coruña da asociación Milhomes, que colle nome en honra ao protagonista homosexual da novela A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. O docente comparte recoñecemento cun alumno ao que esa clase lle serviu para "cambiarlle a vida", sabendo desde ese día que "había vida máis alá do ermo heterosexual no que se vía obrigado a vivir a diario".

Desde o colectivo valoran en primeiro lugar que o rapaz apostase por declararse gai publicamente no estrado da súa clase ante máis dun cento de compañeiros. Pero ademais, salientan que denunciase o feito de que xunto a outros alumnos, estiveran a acosar outro mozo por ser homosexual até facelo marchar do instituto. "Enxálzase como comparece co seu valente acto e traslada á sociedade unha realidade que está a acontecer frecuentemente nos nosos institutos e que se silencia en aras dun mal entendido ben para o agredido", explican desde Milhomes.

O premio "Marcela e Elisa"
Hai 107 anos, as mestras Elisa Sánchez e Marcela Gracia, casaban na parroquial de San Xurxo, a uns metros da coruñesa Praza de María Pita. Logo de varios anos de relación, e malia as presións da familia, enganaron a municipalidade e a Igrexa dicindo que unha delas era en realidade seu curmán, que perdera toda a documentación nun naufraxio. Para iso unha delas tivo que disfrazarse de home (quedou foto na prensa da época). Marcharon dar escola a Dumbría (na Costa da Morte), perseguiunas a Garda Civil e desapareceron sen deixar pegada: tal vez América.


Ligazóns

4,76/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: