Desde o executivo español agardan tamén froitos da negociación conxunta a nivel da Unión Europea.
Fronte ao que cualificou de "situación crítica excepcional", a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño asegurou que será clave a posición común que sexa capaz de artellar o goberno español xunto cos de Francia, Italia e Portugal. Os catro executivos acordaron defender unha proposta común diante da Comisión Europea, que acelere o deseño de solucións para as demandas do sector pesqueiro.
"Neste momento e tal e como prometemos, está reunido o secretario xeral do Mar coas compañías petroleiras para analizaren a comercialización do gasóleo pesqueiro e as medidas posíbeis para mellorar o seu prezo", explicou Elena Espinosa, durante a súa comparecencia este martes na comisión de Medio Ambiente, Agricultura e Pesca do Congreso. Espinosa recoñeceu ao respecto a "lexitimidade" das protestas dos pescadores fronte ao actual escenario derivado do incremento dos prezos do combustíbel.
Por outra parte, a Federación estatal de Confrarías de Pescadores, decidiu non convocar a folga inicialmente prevista. Así, o paro dos buques de baixura estenderase en principio só até o próximo xoves día 12.