Pesca achégalle ao sector o Plan Director, conxunto de medidas planeadas até 2013, co que busca garantir a viabilidade da flota.
O plan xorde dunha análise da situación actual realizada pola consellaría de Pesca en colaboración co propio sector, e a partir de aí expón un conxunto de medidas a poñer en marcha desde 2008 e até 2013, o treito no que terá vixencia o actual Fondo Europeo de Pesca.
Co obxectivo de garantir a viabilidade da flota de cerco, o documento inclúe iniciativas para a formación e a comercialización. Entre as propostas concretas está a aplicación de modelos retributivos atractivos, a revalorización dos recursos capturados e a mellora das condicións de traballo tamén no que lle corresponde á seguridade dos mariñeiros. O Plan Director está agora en debate co sector para engadir os posíbeis elementos que a flota considere necesarios.
Segundo o rexistro de buques da Xunta, na actualidade hai 169 embarcacións en Galiza adicadas á arte de cerco, que proceden de 27 portos base, operan en 14 lonxas e traballan en oito áreas de produción. Ademais, eses buques supoñen un arqueo de 6.375,92 Gts (volume interno conxunto da flota) e unha potencia de 35.391,28 CV, ao tempo que empregan a uns 1.500 mariñeiros e rexistraron capturas por valor de 23,7 millóns de euros. Por zonas de produción (Vigo, Pontevedra, Arousa, Muros, a Costa da Morte, Coruña-Ferrol, Cedeira e a Mariña Lucense), destacan polo seu arqueo e a súa potencia as Rías Baixas. Nos dous últimos anos as capturas aumentaron até un 40%, principalmente a sardiña, xarda pintada e xurelo.