Caride recoñece o paro, mais atribúeo ao "medo" a incidentes e non ao apoio do sector. O agro xa sofre as consecuencias da folga.
A conselleira María Xosé Caride
A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride, recoñeceu a "situación bastante complicada" que vive o sector dos transportes, e dixo que agarda que esta semana se poida resolver este conflito" na mesa de negociación aberta en Madrid.
Caride admitiu que o paro se vai ir notando e que "poden faltar produtos nalgúns mercados", e defendeu que "aqueles produtos imprescindíbeis", principalmente os de material sanitario cheguen "sen obstáculos" aos hospitais. Aínda que recoñeceu a incidencia da folga, mais atribúea ao "medo" a que haxa incidentes e non ao apoio do sector.
Nunha entrevista na TVG, a conselleira dixo que dende o Goberno "entenden as dificultades polas que pasa o sector do transporte", e que dende as competencias que ten a Xunta "están facendo todo o que poden", que pasa por "compensalos polo céntimo sanitario".
No entanto, en relación co paro, concretou que a negociación lle corresponde ao goberno español, concretamente ao Ministerio de Fomento, e opinou que é nesa mesa de negociación onde se ten que propor unha solución que remate con esta folga. "Agardo que esta semana se poida resolver este conflito", declarou.
Incidencias no sector agro-gandeiro
Por outra banda, o sector leiteiro comezou a sufrir as consecuencias do paro este luns á tarde, xa que os piquetes retiveron algúns camións-cisterna polo que non puideron recoller o leite das explotacións.
"As perspectivas non son boas", augurou o secretario de Gandaría do SLG, Xabier Gómez Santiso, que trasladou a "preocupación" dos gandeiros pola folga, xa que pode provocar que "finalmente o leite se perda ou se acabe tirando".
O resto dos sectores gandeiros tamén poden sufrir rapidamente os prexuízos do paro no transporte, sinalan dende os sindicatos agrarios, especialmente as explotacións intensivas de polos, porcos, coellos ou vacas, que non poden ficar desabastecidas xa que iso suporía rachar o ciclo alimenticio dos animais.