A Irmandiña caeu derrotada ante Euskadi por 72-80 nun partido en que os tiros de tres foron decisivos.
Os homes repiten o mesmo resultado conseguido polas mulleres en maio
Logo de superar a Portugal este venres cun excelente partido, Galiza non puido pechar a fin de semana cun pleno. O I Trofeo Masculino das Nacións marcha para terras vascas. Euskadi impúxose aos de Diego Ocampo por 72-80 (18-17, 23-24, 16-20, 15-19) nun encontro en que os tiros de tres foron decisivos, sobre todo na segunda metade.
A igualdade e a concentración caracterizaron o primeiro cuarto dos dous combinados. Galiza permaneceu por detrás no marcador até os minutos finais cando unha tripla de Xosé Antonio Vázquez permitiu estabelecer un 18-17. Nestes primeiros dez minutos salientou a entrada de Xavier Román que dinamizou o equipo.
A tónica da igualdade estendeuse ao segundo cuarto. Ante o acerto no tiro dos galegos a resposta dos vascos era similar. O equilibrio permaneceu no marcador deica o final da primeira metade, que rematou 23-24.
Maia ao comezo da segunda, Euskadi incrementou a intensidade no xogo, tanto no ataque como na defensa, de tal xeito que Galiza non puido anotar deica o minuto 6:20 do terceiro cuarto. A partir de aí A Irmandiña colleu folgos chegando a igualar o marcador (51-51) a falta de tres minutos para o final.
Tripla decisiva no último minuto
Os galegos non xogaron mal o último cuarto do partido, mais os vascos foron mellores. Euskadi anotou unha tripla no último minuto, deixando o electrónico un 72-78 que xa foi imposíbel de remontar. Dous puntos máis dos de Euskadi deixaron marcador final en 72-80.
O quinteto inicial galego estivo formado por: Lucho Fernández (máximo anotador dos galegos, con 18 puntos, e designado MVP do Torneo), Antonio Pantín, Vítor de la Fuente, Xosé Antonio Vázquez e Xosé Ramón Esmorís.
Por outra banda, a selección de Portugal, que dirixe o ferrolán Moncho López, non puido coa de Cataluña, e caeu 93-63, no partido polo terceiro posto.