A Asociación Galega de Opositores presenta un recurso contra as bases da convocatoria no TSXG.
Os interinos están exentos de pasar unha das probas
"Non pode ser que unha persoa quede fóra cun 10 e outras entren cun 3", di Xavier Casal, vogal da directiva da Asociación Galega de Opositores do Ensino (AGOE). Non é a primeira vez que realizan esta queixa dende que en 2007 entrou en vigor o novo sistema de acceso á ensinanza pública.
A AGOE, presentou esta quinta feira un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a convocatoria de oposicións aos corpos de mestres e de profesores.
O ano pasado impugnaron a lista de aprobados, xa que non chegaron a tempo de facelo coa orde da Consellaría de Educación. Desta volta, ademais, solicitaron que o tribunal tome medidas cautelares para que as probas, previstas para o 20 de xuño, non se efectúen.
"Inconstitucional, ilegais e inxusto"
Segundo Casal, a norma podería ser inconstitucional, ilegal ou mesmo as dúas cousas á vez. Inconstitucional porque "non se respecta o principio de igualdade" (artigos 14 e 23.2 da constitución española): por exemplo, os docentes interinos cun mínimo de seis meses traballados están exentos de facer unha das probas da oposición.
E ilegal porque "vai contra diversos aspectos da LOE" e "é contraditoria en si mesma": por exemplo, aínda que a orde fala dun único tribunal, o informe de exención dos interinos está supervisado por inspectores da consellaría, habendo deste xeito dous tribunais de facto.
Tema aparte, sinala o vogal da directiva de AGOE, é a "inxustiza" que supón -"aínda que poida ser legal"- que no sistema de acceso, a nota do concurso valla un 60% e a da oposición, un 40%.