Cualificándoa de obstáculo para a "convivencia e paz", piden a retirada da materia e animan a pais e nais á "obxección de conciencia".
"Tal e como foron regulamentados os seus contidos, a Educación para a Cidadanía (EpC), impón desde instancias políticas unha concepción do home que contradí o ideario propio das escolas católicas, ideario no que atopa expresión o dereito primordial á liberdade de educación, como defendeu o Tribunal Constitucional", expón un dos argumentados dos bispos galegos.
Así o explican nun documento feito público esta semana e asinado conxuntamente por Xulián Barrio Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela; Xosé Diéguez Reboredo, bispo de Tui-Vigo; Luís Quinteiro Fiuza, bispo de Ourense; Manuel Sánchez Monge, bispo de Mondoñedo-Ferrol e Afonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo.
Os bispos convidan o Goberno a "paralizar" a introdución desta materia nas aulas "tal e como está programada" na actualidade, solicitando que en último caso se permita a adaptación "en contidos, obxectivos e criterios de avaliación ao ideario dos centros". De paso, insisten en que "os pais teñen, entre outros medios lexítimos, o da obxección de conciencia ao ensino da materia EpC" para "defender o dereito que lles asiste de determinar a educación moral dos seus fillos". A maiores, os representantes da Igrexa católica en Galiza afirman que o Estado "non pode impoñer lexitimamente unha formación moral da conciencia dos alumnos á marxe da libre elección dos pais" tal e como critican que "pretende a materia de EpC e os decretos que a desenvolven".