A listaxe de candidaturas á canción do verán galega segue a medrar coa incorporación de tres que repiten no concurso e de catro que se estrean.
Esta semana incorpóranse sete novos temas ao concurso A Polo Ghit 2008. Deste xeito, son xa 13 os candidatos á canción do verán galega deste ano. Tres das novidades son tres vellos coñecidos do certame, mentres que outros catro concorren por primeira vez.
Jabón Blue presenta o deportivo Himno da Crocha; Os Cuchufellos, Isto non é un blues, e Paris Joel aspira coa balada Ollos de mar. Os novos son Carlos Cañas, coa cantiga de amor A fonte; Ulträqäns, co instrumental Os ocelotes; Boy Elliott co pop de Planeta 19, e Novedades Carminha, que lle dedican a súa canción a John Ballan.
Seguen no concurso os candidatos que xa chegaron a semana pasada: Canto de Serea, de Magín Blanco e Burgas Beat; Rosiña, dos Mostoboys; Moito Roncha, do Dúo Estúpido Mascalzone; Arroz, da Banda Potemkin; Que o demo me leve, dos John Deeres, e Chuliboy, de Projecto Mourente.
A Polo Ghit fai este ano a súa terceira edición. O concurso organizado por Vieiros e mais a Radio Galega segue a recibir candidaturas.