Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Só non son citados Cabo Verde e Santo Tomé

Amnistía Internacional denuncia "excesos" contra os Dereitos Humanos nos países lusófonos

Segundo un seu informe, Angola, Guinea-Bissau, Mozambique, Timor Leste, Brasil e Portugal continúan a ser albo de denuncias de violacións dos Dereitos Humanos.

Redacción - 10:05 01/06/2008
Meniños nas aforas de Luanda, capital de Angola / Flickr: metnick

Meniños nas aforas de Luanda, capital de Angola / Flickr: metnick

En Angola, por exemplo, AI considera que durante o ano pasado, "defensores e organizacións de Dereitos Humanos foron vítimas de ameazas e dunha crecente intimidación. A liberdade de expresión foi restrinxida e un xornalista foi metido no cárcere. Houbo casos de expulsións forzadas (sobre todo de congoleses) e de violacións dos Dereitos Humanos cometidas pola policía; porén, en niveis menos elevados do que en anos anteriores...".

Un dos casos máis alarmantes foi o da expulsión dos inmigrantes congoleses das áreas de extracción de diamantes do norte de Angola, para a República Democrática do Congo. Segundo as informacións ofrecidas por varias ONG, moitas das mulleres foron violadas polos militares angolanos durante a expulsión.

Seguindo en África
Na Guinea-Bissau o principal problema denunciado por AI foi a pésima situación económica e o tráfico de drogas, que ameazan a fráxil estabilidade política do país. Ademais, a liberdade de expresión limitouse de tal xeito que os xornalistas e defensores dos dereitos humanos foron perseguidos polo goberno. Tamén se denuncia no informe o crecente tráfico de crianzas, que se envían ao exterior do país para traballar, sobre todo, en plantacións de algodón no sur de Senegal, ou para mendigar na capital senegalesa.

En Mozambique a protagonista deste informe é a policía, que é acusada de matar varias persoas sospeitosas de cometer crimes diversos, ademais de practicar detencións arbitrarias e usar de xeito excesivo a forza. Ademais, un dos principais problemas da illa foron as inundacións que comezaron en decembro de 2006 e que fixeron emigrar a 120 persoas, até febreiro do ano pasado. A situación aínda se agravou máis ao paso do furacán Favio.

En Asia, Timor Leste
Aínda que para Amnistía Internacional as eleccións presidenciais e parlamentares foron relativamente xustas e pacíficas, as protestas e os incidentes violentos sucedéronse todo o ano. Para o ONG, a policía e o sector xudicial continúan a ser institucións fracas, e continuou a impunidade polas violacións dos Dereitos Humanos cometidas durante a ocupación indonesia.

En América, o Brasil

No Brasil e segundo este informe, os moradores das comunidades marxinadas continúan soportando niveis extremadamente elevados de violencia, practicada tanto por grupos criminais organizados como polo policía.

As operacións policiais realizadas nesas comunidades terminaron con milleiros de mortos e de feridos, intensificando a exclusión social. Grupos de exterminio ligados á policía tamén foron responsábeis de centos de asasinatos.

A xustiza tamén error ao non facer que os responsábeis dos abusos rendan contas polos seus actos, e , ademais, incorreu nunha serie de violación aos Dereitos Humanos, torturando ás persoas detidas nas súas prisións e centros de detención xuvenís. Tamén as mulleres detidas foron vítimas de tortura e de malos tratos.

Alén disto, e segundo este informe, tamén activistas rurais e membros dos pobos indíxenas que traballaron polo acceso á terra das distintas tribos foron ameazados e atacados por policías e membros da seguridade privada dos facendeiros. Houbo, ademais, numerosas denuncias de traballo forzado ou análogo ao escravo.

O único bo que salientan dende AI foron os pasos dados dende o goberno brasileiro para combater a violencia urbana, alén de consolidar o seu programa polos Dereitos Humanos, e crear un órgano independente para a prevención da tortura.

En Portugal
As denuncias por malos tratos por parte da policía sucedéronse ao longo do ano, así como a impunidade para quen os cometeu. No informe da AI tamén se fan referencias ás investigación sobre os voos secretos da CIA que pasaban por Portugal.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha vila da rexión de Bolama, en Guinea-Bissau / Flickr: christing
Unha vila da rexión de Bolama, en Guinea-Bissau / Flickr: christing
Crianzas en Dili (Timor Leste) / Flickr:
Crianzas en Dili (Timor Leste) / Flickr:
Palafitas (construcións de madeira sobre as augas) no Brasil / Flickr: roosewelt
Palafitas (construcións de madeira sobre as augas) no Brasil / Flickr: roosewelt
Pintada contra a violencia machista, nunha parede en Évora (Portugal) / Flickr: ninaoddvik
Pintada contra a violencia machista, nunha parede en Évora (Portugal) / Flickr: ninaoddvik