O presidente da Xunta coida que o electorado non entendería un pacto entre o PPdeG e o BNG.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reiterou este venres que quere esgotar a lexislatura e que só contempla unha “modificación técnica” para que os comicios galegos non coincidan en xuño cos europeos. Así, tal e como apuntan dende hai meses moitas voces, a cita electoral ten case todas as posibilidades de celebrarse en marzo.
Os principais dirixentes socialistas traballan dende hai meses cunha data: mediados de marzo de 2009. Porén, algúns deles chegaron a poñer enriba da mesa a posibilidade dun adianto electoral para este mesmo outono. Esta hipótese fixo aumentar a tensión cos socios de goberno. O BNG opoñíase radicalmente a que as eleccións se celebrasen este ano.
Nunha intervención en Madrid, Touriño sinalou que a alianza cos nacionalistas é “forte e estábel”. Ademais sinalou que vía case imposíbel un acordo entre PPdeG e BNG: “se á dereita lle ía custar entendelo, xa non digamos ao nacionalismo. O electorado galego non entendería esa mestura”.