Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO

Comeza en Compostela o programa Auga en Etiopía

Unha exposición, un seminario, unha conferencia e unha peregrinación simbólica pretenden concienciar a poboación do problema da escaseza de auga.

Redacción - 10:00 31/05/2008

Esta semana arrancou en Compostela o proxecto Auga en Etiopía, organizado por Implicadas no desenvolvemento, que acaba de poñer en marcha unha web informativa. Para comezar, e até o 16 de xuño, na galería Sargadelos da capital do país pódense ver unha mostra de fotografías do autor etíope Zabasil Alemu. O acto de inauguración oficial foi o xoves 29.

O mércores 28, Ramsés Pérez, coordinador de Programas de Educación Ambiental de Adega, impartiu unha conferencia na Fundación Caixa Galicia, ás sete da tarde. Na súa intervención, falou dos problemas que pode causar a escaseza de auga a nivel mundial, por ser un recurso limitado.

Máis simbólica será a actividade programada para o 7 de xuño: unha peregrinación dende a Porta do Camiño até a Praza da Quintana con mulleres do mundo da política, da cultura e do deporte de Galiza, como Rosa Aneiros, Mabel Rivera, Fabiola Sotelo, Carme Adán, Elvira Cienfuegos ou Marta Souto. Irán cargadas cos colectores de auga que levan as mulleres etípes como un xesto de solidariedade e para darlle visibilidade á situación de precariedade. A cidadanía está convidada a unirse á marcha, que rematará coa lectura dun manifesto e a actuación do grupo de danza contemporánea Adugna, de Etiopía, e mais Nova Galega de Danza.

Por último, os días 12 e 13 de xuño ofreceranse cursos de formación sobre a cooperación ao desenvolvemento en Etiopía, no Centro Sociocultural As Fontiñas. A profesora será María Reimóndez, presidenta de Implicadas no desenvolvento. Cómpre matricularse con antelación chamando ao teléfono 650798163.

O proxecto Auga en Etiopía ten como obxectivo convidar á reflexión sobre o problema mundial da auga e como afecta, en particular, á poboación de Etiopía. Nese país, Implicadas no desenvolvemento traballa en proxectos de cooperación dende 2003.


3,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: