'Sálvame' (ficción) e '1977' (animación) foron elixidos como mellores traballos. 'Perversa Lola' recibiu unha mención especial.
Cans recolleu a alfombra vermella da súa quinta edición, e os chimpíns, canastros e alpendres comezan a recuperar os seus usos habituais. O festival entregou os seus premios, que recoñeceron a Sálvame, de Xavier Veiga, como a mellor curta de ficción, e 1977 de Peque Varela, como a mellor curta de animación. Así mesmo, o xurado entregou unha mención especial á curta Perversa Lola, de Sonia Méndez. Finalmente, nas categorías de interpretación, os gañadores foron Nuria Sanz, por Perversa Lola, e Luis Zahera, por Rosita y Jacinto.
Esta edición destacou pola variedade das actividades organizadas, que foron alén do cinema, con espazos dedicados á música, aos videoclips e a exposicións de fotografía.
O xurado estivo integrado polo recoñecido director Nacho Vigalondo, as guionistas Tatiana Rodríguez e Lidia Mosquera, o monologuista Rober Bodegas, e os actores Pedro Alonso, María Castro e Roberto Vilar.