Foi un dos 83 traballos escollidos entre 5.107 solicitudes. O filme participará este ano en máis de media ducia de festivais internacionais.
Peque Varela (Ferrol, 1978) marchou para Londres con 19 anos para estudar cinema, unha afección que naceu o día que seu pai levou á súa casa unha cámara de vídeo. En 2001 licenciouse en Contemporary Media Practice pola Universidade de Westminster e o ano pasado graduouse na National Film and Television School de Londres. Tamén realizou un par de cortinas para a MTV, como Robots e Car People, igualmente curtas de animación.
1977 foi o proxecto que Peque Varela realizou para graduarse na National Film and Television School. Nos seus oito minutos relata a vida dunha rapaza na procura da súa identidade sexual nunha vila pequena e de mente pechada.
A curta foi seleccionada este ano para participar no Festival de Cinema de Dresden, no Festival de Curtas de Clermont Ferrand, Animadrid, o Festival Internacional de Curtas de Sao Paulo e no Festival Internacional de Chicago. Do mesmo xeito, 1977 tamén puido verse no FIB de Benicàssim e máis no Concello de Mugardos, nun acto de apoio aos veciños de Meá durante o seu peche. Finalmente, a curta proxectarase no Ateneo Ferrolán na derradeira semana de decembro, no marco das VII Xornadas de Curtametraxes.
En xaneiro, 1977 competirá con outros 82 traballos no Festival de Sundance. Aquí podes ver un minuto da curta.