O Consello Mundial da Enerxía Eólica considera que en apenas catro anos a cifra vaise disparar até os 240XW.
A barreira dos 100 xigavatios (1 xigavatio equivale a 1000 megavatios), superouse recentemente. Con estes números, a nivel mundial e en 2020, o prognóstico é de que arredor do 8% do consumo enerxético do planeta poida ser cuberto coa electricidade xerada polos muíños eólicos. No contexto da Unión Europea, o ritmo de incremento é aínda maior, e a Asociación Europea da Enerxía Eólica traballa coa previsión de fornecer o continente cunha porcentaxe de entre 20 e 30% da demanda en 2030.
Segundo o informe Enerxía Eólica 2007, elaborado polo Consello Mundial da Enerxía Eólica, o incremento de proxectos neste sector enerxético que se rexistrou nos Estados Unidos e na China é un dos factores que impulsan esta industria en datas recentes.
O xigante chinés apunta xa segundo os expertos como a gran potencia eólica mundial en apenas unha década. Despois de chimpar por riba dos 5 XV en datas recentes, as previsións son que que na altura de 2020 a cifra alcance cando menos os 20 xigavatios de potencia instalada. Mentres, os Estados Unidos puxeron na rede o ano pasado até 5,2 xigavatios eólicos, un incremento do 30% en apenas un ano, chegando así a un total de 16,8 XV (en comparación, Galiza está agora mesmo un chisco por baixo dos 3 XV). A nivel europeo, o incremento de actividade no sector foi tamén significativo o último ano. De feito, o 40% de novas instalacións enerxéticas iniciadas foron dentro do campo eólico.