Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise da PAC

A reforma agrícola da UE, "atentado contra á agricultura labrega e familiar"

O freo ás axudas para agrocarburantes é "o único positivo", segundo o SLG.

Redacción - 13:15 22/05/2008

O Sindicato Labrego Galego fixo público este mércores o que definen de "chequeo médico" aos cambios que a Unión Europea proxecta na Política Agraria Común. En conxunto, o SLG considera que se trata dunha reforma que non pensou nos intereses dos labregos nin nos dos cidadáns e consumidores.

A análise do seu impacto en Galiza comeza polo que o SLG entende que é unha proposta que en moitos casos representa un "traspaso da subvencións á industria". Tamén advirten do fomento de especulación de cazaprimas (xente que especula con fincas pero que non vive da actividade agraria, cobrando altas cifras sen cultivar). Sinalan ademais que os cambios prexudícanlle máis ás explotacións intermedias que as grandes, "que seguro que en moitos casos o volverán a recuperarse economicamente vía axudas a desenvolvemento rural". "E unha barbaridade que para aforrar eliminen as pequenas explotacións", láianse.

A expensas do mercado
"O abandono de toda regulación do mercado e dos mecanismos de intervención, así coma a instauración dunha OCM (organización común de mercados) única en nome da simplificación, deixa aos labregos e labregas aínda máis nas mans dos bancos e compañías de seguros, que asegurarán ás grandes empresas agrícolas contra os riscos do mercado e os riscos sanitarios", reflexiona a formación sindical.

Por este motivo, consideran un erro que non se aposte por mecanismos de control dos prezos por abaixo e que tampouco se acometa o control dos casos de especulación das grandes operadoras, e se renuncie a regular o mercado "para que non se aproveiten dos produtores nin do conxunto da cidadanía".

"O mercado non ten a vocación de responder aos desafíos da alimentación, do emprego, do medio ambiente, e dos territorios", apunta o SLG, chamando ao deseño real dunha política pública en agricultura. Segundo o modelo no que afondaría a Unión Europea, o SLG agoira que se privilexia unha agricultura dual, onde coexistirán grandes empresas agrícolas que traballan nun mercado mundializado, "sen dereitos para os que subministran a materia prima, a baixo prezo, ou con mao de obra precaria en dereitos e salario, que causan e acompañan a destrucción de explotacións e contribúen á desaparición da agricultura labrega familiar".


4/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: