Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Esta segunda feira

A Xunta asina novos convenios de colaboración coas Federacións Deportivas

A principal novidade é o adianto do pago do 50% do importe do convenio no momento da sinatura. Son 28 as federacións que se unen ás 11 entidades que xa tiñan subscrito o acordo.

Redacción - 17:41 19/05/2008
No momento de asinar os convenios

No momento de asinar os convenios

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asinou hoxe o convenio de colaboración con 28 federacións deportivas galegas, que se unen, deste xeito, ás once que xa tiñan subscrito o acordo anteriormente.

Bugallo dixo que a "gran novidade" deste convenio é o anticipo da metade do orzamento no momento da sinatura, un feito que cualificou como "histórico" para o Deporte Galego.

Os convenios de colaboración entre Deporte e as Federacións
Nestes convenios de colaboración hai actuacións ordinarias -como as competicións deportivas oficiais, a tecnificación deportiva, as seleccións galegas ou o apoio á estrutura da federación- e actuacións específicas, promovidas pola Dirección Xeral para o Deporte e as federacións, como a promoción do deporte feminino, integración no deporte, deporte en galego e certos proxectos deportivos.

A conselleira salientou, neste sentido, que os obxectivos desta política son "fomentar" e "incrementar" a práctica do deporte, e para isto, segundo explicou, "incrementáronse nun sete por cento as cantidades aportadas, o que amosa o enorme esforzo desta consellaría polo noso deporte".

Bugallo tamén explicou que con estes novos convenios xa hai acordos co 70% das federacións deportivas galegas e que se está traballando para asinar os convenios correspondentes coas restantes federacións, acordos que, como lembrou, "hanse facer nun breve espazo de tempo".

Ao acto de presentación tamén acudiu a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quen desvelou que os beneficiarios da actividade desenvolvida en virtude destes convenios ascende a máis de 55 mil persoas e arredor de 1.600 clubes deportivos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: