O Instituto Galego de Estatística avanzou que o Produto Interior Bruto xerado pola economía galega medrou un 3,2% entre xaneiro e abril.
A porcentaxe de crecemento do 3,2% marcada pola economía galega queda por diante do 2,7% que no mesmo período logrou a economía do conxunto do Estado español. A variación intertrimestral do PIB no primeiro trimestre en Galicia sitúase no 0,4%. Así e todo, o Instituto Galego de Estatística non publicará até o próximo día 2 de xuño os cadros completos da contabilidade trimestral correspondentes a este primeiro trimestre de 2008.
A comezos de abril, o conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, avanzara unha redución en sete décimas do prognóstico de crecemento do PIB para este exercicio, situándoo no 2,8%. No peche de 2007 e na propia lei de orzamentos, falárase dun incremento do 3,5% para 2008.