Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Acto no Centro Galicia

"Quero que saibades que Galiza se sinte orgullosa da súa emigración"

Touriño aproveitou a celebración en Bos Aires para destacar que o Goberno traballa para que os galegos do exterior poidan votar “como se vota plenamente en democracia” mediante sufraxio “libre, directo e segredo”.

Débora Campos - 11:50 19/05/2008

Diante de máis de catro mil persoas que se xuntaran no polideportivo do Centro Galicia dende varias horas antes, o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, asegurou que “a cidadanía galega no exterior ten os mesmos dereitos e os mesmos deberes que os residentes en Galicia, dereitos e deberes que serán garantidos polo Goberno galego”. Ainda que o acto tiña por propósito lembrar a Xosé María Álvarez Blazquez no Día das Letras, o mandatario galego foi quen de empregar o seu tempo nos asuntos culturais e tamén nos outros.

Pérez Touriño destacou o feito de que Bos Aires acollese por vez primeira o Día das Letras Galegas. “Síntome orgulloso de compartir todo isto con vós e de poder revivir e reactualizar ese sentimento mediante esta celebración tan especial”, destacou o Presidente. “Si, o Día das Letras Galegas, a gran festa da lingua e da literatura galegas, aquí en Bos Aires. En Bos Aires, pero non fóra de Galicia. En Bos Aires, pero tamén en Galicia”, dixo.




Ademáis, Touriño arrincou unha ovación cando sinalou: “Quero que saibades que en Galicia presumimos de vós. Quero que saibades que Galicia se sinte orgullosa da súa emigración. Quero que saibades que os galegos do interior recoñecemos nos emigrantes os mellores embaixadores de Galicia no mundo”.


Ademais da figura de Álvarez Blázquez, Pérez Touriño puxo en valor a importancia dos persoeiros da literatura galega máis vinculados coa colectividade galega no exterior. Citou entre eles a Luís Seoane, Castelao, Rafael Dieste, Lorenzo Varela ou Eduardo Blanco Amor, entre outros.


“Sen os galegos da Arxentina a cultura galega tería perecido; sen a Galicia de aquén do mar moitas das aventuras intelectuais da Galicia contemporánea non serían posibles”, dixo. E engadiu: “Cando en Galicia non se podía editar en galego, editábase en Arxentina. E cando Galicia semellaba separarse do mundo, do renacer da vella Europa durante unha longa noite de pedra, os nosos artistas bebían de todas as vangardas creativas e eles mesmo constituíronse en vangarda que anovou a arte galega da posguerra civil”.


Puxo como exemplo a Luís Seoane, a Laxeiro, Blanco Amor, Castelao, Suárez Picallo, Rodolfo Prada, Alonso Ríos ou Manuel Puente, unha “longa ringleira de ilustres patrianos –indicou-, que fixeron posible o renacemento cultural de Galicia cando todas as causas semellaban mortas”. Outro deses patrianos, don Isaac Díaz Pardo, estaba a poucos metros del, entre os que escoitaban.


Finalmente, Touriño lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou e vai remitir ao Congreso dos Deputados unha proposición de lei para que os galegos do exterior poidan votar “como se vota plenamente en democracia” mediante sufraxio “libre, directo e segredo”.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: